O Partido Popular (PP) de Ribadeo denunciou este xoves o “total e absoluto abandono” no que se atopa o polideportivo municipal, situado na rúa Alfredo Deaño.
O candidato dos populares á alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, critica o estado da sede da asociación Amigos da Gaita, ubicada no pavillón. “Hai cristais e portas rotos, goteiras a consecuencia de que están os teitos caídos”, enumera o alcaldable dos conservadores.
Vega reclama ao alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, “que actúe de inmediato para arranxar ese polideportivo, unha instalación que foi feita con diñeiro público”.
O candidato do PP ribadense asegura que “non se pode amosar tal desprezo polos cidadáns con esas instalacións abandonadas. Nós xa anunciamos que cando teñamos responsabilidades de goberno actuaremos de inmediato”, sostén.
OBRAS EN XANEIRO
A finais do pasado mes de xaneiro, o Concello rematou obras para tentar evitar as filtracións de auga na instalación, estreada en marzo do 2014 e que tiña problemas na planta baixa, pero tamén no local que Amigos da Gaita ten no primeiro andar.
PEPE BARRERA
Namentres, continúa a polémica pola remodelación do campo de fútbol Pepe Barrera.
Despois de que Concello e Deputación se comprometesen a financiar 140.000 euros por administración, un total de dous terzos do orzamento previsto para o arranxo, e de que o goberno local reservase unha partida para executar a obra este verán, o PSOE levará ao pleno provincial unha moción para instar á Xunta a que achegue o restante diñeiro para completar o investimento proxectado, de 421.000 euros.
Os socialistas levarán á vindeira sesión plenaria unha iniciativa para que incremente a súa proposta de axuda, de 46.000 euros, o que suporía “un pobre 10% do total”.
O PSOE LEVARÁ AO PLENO PROVINCIAL UNHA MOCIÓN PARA INSTAR Á XUNTA A QUE FINANCIE O ARRANXO DO CAMPO CON 140.000 EUROS
O PSOE tacha de “demagoxia” a proposta da Xunta e do PP ribadense de utilizar o Fondo de Cooperación Local, unha proposición descartada tamén polo Concello, “posto que estes fondos están destinados, ao igual que o Plan Único da Deputación, a asumir gastos ordinarios de funcionamento dos Concellos, pero non para atender circunstancias extraordinarias como é o caso”.
Os socialistas lembran que o mal estado do Pepe Barrera “pon en perigo a integridade física duns 150 deportistas de Ribadeo FC e SD Ribadeo polo risco de lesións”.
CARTA DA XUNTA
Pola súa banda, a Xunta emitiu unha carta ao Concello na que “celebra a rectificación do goberno local, que agora asume o compromiso coa mellora do campo de xogo do Pepe Barrera, tras ter votado en contra desta iniciativa en diversas ocasións”.
O Goberno galego insiste na súa proposta de achegar 46.000 euros nesta anualidade e insta de novo ao Concello a usar o Fondo de Compensación, cunha dotación de 425.000 euros.
NUNHA MISIVA AO CONCELLO, A XUNTA AFÉALLE AO GOBERNO LOCAL “TER VOTADO EN VARIAS OCASIÓNS” EN CONTRA DO ARRANXO
“Este instrumento ofrece recursos que son empregados en moitos concellos para diversas obras, entre elas, a mellora de infraestruturas públicas ou servizos como o alumeado, e sería a fórmula máis áxil para licitar, adxudicar e executar as obras este mesmo verán”.