Aberto o prazo para inscribirse no Ribadeo de Tapeo 2019

O Concello mantén o formato e os prezos do certame, no que anotan ata o 5 de abril

Imaxe dunha das creacións da pasada edición. RIBADEO DE TAPEO

O Concello abrirá do 22 de marzo ao 5 de abril a inscrición para participar na décimo cuarta edición do Ribadeo de Tapeo, que se celebrará do 11 ao 19 de maio.

O formato do concurso será o mesmo dos últimos anos, segundo explicou a concelleira de turismo e comercio, Ana Martínez. Haberá un xurado profesional e o público tamén elixirá o mellor petisco. E o prezo destas miniaturas da cociña será de 1,50 euros.

A edil nacionalista explicou que “os establecementos interesados en participar deberán poderán atopar toda a información para inscribirse na sede electrónica da páxina web do Concello, ou chamando á oficina de turismo ao 982.12.86.89”.

Martínez salientou que o Ribadeo de Tapeo “é un dos grandes atractivos dentro da programación do Concello, quizais un deses eventos que tamén busca apoiar e potenciar o noso sector servizos, a hostalería ribadense, e durante un mes non moi forte no tema de ventas e eventos como pode ser maio, previo xa á tempada estival”.

O certame é, segundo expón a edil, “un referente en toda a contorna, pois o Ribadeo de Tapeo é un dos concursos deste tipo máis antigos de Galicia, e eu creo que ademais ten unha categoría e un caché que o fan especial, desde logo para visitar cada ano”.

CANTOS DE TABERNA

Os Cantos de Taberna celebraranse o vindeiro sábado, 23 de marzo. Participarán doce grupos que actuarán nuns 44 establecementos de hostalería que participan, da vila de Ribadeo e de Rinlo e A Devesa.

PANCHA

Sobre a campaña da moeda local Pancha, Martínez lembra a “todo o comercio que estea interesado en adherirse que o prazo está aberto e que deben facelo para poder despois participar”. A data límite é o 3 de abril e a información está dispoñible na web específica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here