A actriz e presentadora de televisión Isabel Blanco será a encargada de pregoar a 41 edición da Festa da Troita da Pontenova, declarada de Interese Turístico Galego e de Interese Deportivo Nacional.
A celebración, impulsada polo Cit A Pontenova coa colaboración do Concello e a Deputación de Lugo, celebrarase o 30 de abril e mailo 1 de maio. Incluirá a sétima edición do concurso de salmón e a décimo terceira do certame de mosca.
TROITAS DE OURO
O día 30 entregaranse os recoñecementos das Troitas de Ouro a David García Ferreras, campión do mundo de pesca a mosca; a Fundación North Atlantic Salmon (NASF); a Leonardo de la Fuente, de Radio Marca; a Manuel Gómez, de Armería Mago; e ao proxecto Arca, de Las Mestas del Narcea.
A degustación de troitas comezará ás 22.00 horas, despois do pregón, que está previsto para as 21.00. Anaconda e Costa Dorada animarán a noite coa verbena.
CONCURSOS
Os certames comezarán ás 9.00 horas do primeiro de maio, ao tempo que se celebra a primeira ruta de sendeirismo Vía Verde. A pesaxe das capturas nos concursos será ás 13.30 horas, á que seguirá unha sesión vermú. Os trofeso entregaranse ás 18.00 horas no salón de actos da casa da cultura.