O obradoiro de emprego Doc-Tic III, impulsado polo Concello de Ribadeo cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o o cofindanciamento do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, rematou trala dixitalización de máis de 20.300 documentos do arquivo municipal ribadense.
O taller contratou durante seis meses a 15 menores de 30 anos, que recibiron formación en operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais e en produción fotográfica.
En paralelo á cualificación profesional realizáronse traballos de organización, descrición e dixitalización de parte da documentación así como actividades de difusión do arquivo municipal e da documentación máis significativa atendendo ao seu valor informativo ou histórico.
O obradoiro deu continuidade ao labor desenvolvido en anteriores edicións. O proxecto incluíu a dixitalización de actas capitulares do Concello de Ribadeo dos séculos XIX e XX e outros documentos singulares, como planos, correspondencia ou documentación de persoal.
INFORMATIZACIÓN
No tocante á organización, descrición e dixitalización: introducíronse 10.000 novos rexistros na base de datos XARAL, que corresponden á documentación contida en 1.000 caixas ou unidades de instalación.
Ao longo do obradoiro tamén se informatizaron a descrición dos fondos de tesourería e facenda. Ademais, dixitalizáronse 97 libros de actas e 26 expedientes relativos á Guerra Civil, ao franquismo e ao exilio.

Así mesmo, tamén se realizaron copias de sete planos da Torre dos Moreno, e duplicados dos orixinais en papel prestadas por Ernesto Cruzado, que se restauraron coas ferramentas de retoque fotográfico. Esta actuación, sinala o goberno local ribadense, permite incorporar réplica dixital dos mapas dun edificio emblemático da vila que non formaban parte do fondo do arquivo.
En cifras, o traballo dos 15 participantes supuxo a creación de 20.332 arquivos en RAW que recibiron o tratamento dixital axeitado co fin de conseguir unha copia máster en TIFF, un duplicado en JPEG -o formato a máis baixa resolución para a consulta-, a creación de miniaturas para a súa previsualización e o gardado de cada un dos libros en PDF.
DIFUSIÓN DO ARQUIVO
No relativo á difusión do arquivo, elaborouse un tríptico informativo do arquivo municipal; deseñáronse e programáronse visitas guiadas; realizáronse reportaxes fotográficas sobre a vila de Ribadeo; montouse unha exposición de fotografía coa selección de imaxes realizadas para os proxectos fotográficos e os correspondentes catálogos e carteis; e, finalmente, habilitouse unha páxina web de consulta interna da documentación dixitalizada.
“VAI QUEDAR PARA SEMPRE”
O acto de entrega de diplomas contou coa presenza do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e da xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández López.
Suárez Barcia asegurou que o obradoiro que vén de rematar “foi un dos mellores que houbo nunca”, e resaltou que o resultado “vai quedar para sempre. A través das novas tecnoloxías, evidénciase que Ribadeo ten unha historia”, sinalou o alcalde, que se mostrou agradecido coa Xunta de Galicia e cos participantes.
A partir de agora, sinalou o rexedor, “os historiadores poderán ver unha acta do século XVI, pero tamén os veciños, cando o necesiten no día a día por unha cuestión legal, poderán consultar un expediente dunha licenza de obra ou de actividade dun inmoble do ano 1937”.
COÑECEMENTOS ESPECIALIZADOS
Pola súa banda, Balseiro salientou a utilidade destas iniciativas, que, segundo apuntou, “abren novas perspectivas laborais para o alumnado, que adquire coñecementos especializados” en ámbitos nos que, unha vez rematada a etapa formativa, “poden atopar unha saída profesional e mellorar as súas posibilidades de acceder a un posto de traballo”.