O Partido Popular (PP) de Ribadeo denuncia o “absoluto abandono” no que se atopa a Casa da Ría, sen actividade desde hai anos e que a formación conservadora propón converter nun centro de educación ambiental.
O candidato dos populares á alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, explica que no inmoble, “como dicía o ex concelleiro Horacio Cupeiro, chove dentro igual ca nunha cesta rota, logo de doce anos sen proxecto para a Casa da Ría”.
Vega explica que o edificio “foi construído na etapa do PP e tiña unha vocación, a defensa e o traballo sistemático pola educación ambiental”.
O alcaldable dos populares lembra que o centro acollía observacións astronómicas, que o visitaban “colexios e alumnado das universidades” e que o profesorado viña formarse con cursos homologados pola Consellería de Educación”.

“DESPREZO POLO PÚBLICO”
O PP ribadense afirma que o goberno local de Ribadeo “deulle as costas á política de educación ambiental” e sostén que “demostra un desprezo sistemático pola veciñanza” ao “non defender un edificio municipal que foi construído con diñeiro público”.
“Nós imos volver utilizar ese telescopio. O PP vai volver poñer de manifesto que é a Casa da Ría é unha das máis importantes da provincia de Lugo e volver defender a educación ambiental”, conclúe Vega.
INVESTIMENTO DE 300.000 EUROS
A Casa da Ría, construída en Santa Cruz no 2001 cun investimento duns 300.000 euros, conta con salas de exposicións, despachos, salón de proxeccións e un observatorio astronómico.