IniciosociedadeO Proxecto Rebinxe do IES de Mondoñedo: alumnado e veciñanza, gardiáns da...

O Proxecto Rebinxe do IES de Mondoñedo: alumnado e veciñanza, gardiáns da biodiversidade

Estudantes da Eso e Bacharelato espuxeron este venres a iniciativa, que investiga o comportamento dos animais da contorna para concienciar sobre a súa importancia no ecosistema

Publicada o

- Advertisement -

Todo comezou cunha curuxa. No mes de outubro de 2017, un veciño de Mondoñedo laiouse das molestias que lle causaba a presenza da ave, que soe aniñar en torres, espadanas das igrexas ou mesmo nalgunhas casas. O profesor de bioloxía Óscar Chao, do IES San Rosendo, viu daquela unha oportunidade para aplicar as ensinanzas da materia na contorna máis inmediata do alumnado. Naceu así o Proxecto Rebinxe.

Tentamos facer un papel mediador e de buscar alternativas nese conflito, porque ás veces o primeiro impulso é mancar os animais”, explica Chao, que instou ao alumnado a investigar o papel da curuxa no ecosistema e os beneficios que supón a súa presenza para o mesmo, máis alá das “lendas”.

A agricultura ten moita importancia en Mondoñedo e as aves son fundamentais á hora de controlar pragas de insectos ou eirugas”, expón o docente, que se propuxo involucrar ao estudantado coa veciñanza do municipio mindoniense, de Lourenzá e Abadín, para ser da man gardiáns da biodiversidade.

Daquela comezou un traballo de campo sobre tres especies autóctonas, curuxa, moucho e morcego, que os participantes presentaron este venres no local social do Masma.

PLAN DE ACCIÓN

O plan de acción incluíu a construción de refuxios para as aves, a recollida de datos a través de técnicas como o fototrampeo, a utilización de ferramentas online para clasificar información ofrecida pola veciñanza, a publicación dunha revista e dunha guía de boas prácticas, así como charlas para orientar á poboación sobre o comportamento dos animais.

O estudantado utilizou aplicacións de móbil de xeolocalización para seguir o rastro dos individuos, obter datos de crías ou de mortandade, e plasmar o acadado nun mapa de conservación das especies.

O proxecto supuxo unha aprendizaxe impagable para veciñanza e alumnado. “Ambos aprenden. Os maiores teñen máis experiencia, pero tamén hai cousas que descoñecen. Non era o obxectivo prioritario establecer unha comunicación interxeracional, pero é moi positiva”, indica Chao.

PREMIOS A NIVEL GALEGO E ESTATAL

O traballo de meses do alumnado do IES San Rosendo mereceu o premio Galiciencia 2018, no que concursaron os 50 mellores proxectos da comunidade, e vén de recibir neste mes de marzo o primeiro galardón en Exporecerca 2019, o máis prestixioso certame de nivel estatal, e en Ciencia en Acción.

En setembro, unha expedición do centro de ensino mindoniense presentará o proxecto en Abu Dhabi. Tamén o fará en Alcoy, Alacante.

 

O MÁIS DIFÍCIL AÍNDA

Antes, ao longo deste 2019, o proxecto Rebinxe buscará o máis difícil aínda. Tentará achegar solucións, ou alomenos esclarecer incógnitas, sobre quizais a especie máis esquiva, máis lendaria e que desata máis polémica de Galicia: o lobo.

A tarefa de atopar un equilibrio e unha convivencia entre o cánido e os seres humanos segue pendente, e ao longo dos últimos anos as administracións non foron capaces de atopar unha alternativa aos ataques para as persoas que viven en plena natureza.

Mentres os gandeiros piden batidas, pois cren que a poboación de lobo medra e coloniza máis territorio, os ecoloxistas alertan de que descabezar manadas pode provocar un aumento dos ataques.

Participantes no proxecto. FACEBOOK PROXECTO REBINXE

O Proxecto Rebinxe tentará de novo tender unha ponte entre a veciñanza e un animal sobre o que, como se adoita dicir, “hai moita letra e pouca ciencia“.

PREMIO DE ROBÓTICA E CERTAME DA FP

O IES San Rosendo de Mondoñedo resultou tamén premiado no segundo Torneto de Robótica que organiza a Escola Universitaria Politécnica da Universidade da Coruña (UDC), cun segundo premio na categoría ‘barrendeiro’.

Ademais, Cristina Ares, alumna da Formación Profesional (FP) do centro, competiu esta semana no campinato estatal de habilidades, en floraría.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...