Herminia Pernas rexeita o nomeamento como cronista oficial de Burela. A mestra e historiadora renuncia tras a falta de consenso na votación plenaria do pasado xoves.
A proposta aprobouse cos votos a favor de PSdG e BNG e a abstención do Partido Popular (PP), que, segundo citou El Progreso, explicou que “non estamos en contra do quen nin do como, senón do cando”. Os populares consideraron electoralista a proposta do Concello, ao presentala no último pleno da lexislatura, cando “o martes teñen que se convocar as eleccións municipais“.
“NON É ASFALTAR UNHA ESTRADA”
“Non me serve ter a maioría pola que se poden adoptar outras decisións. Non se trata dun asfaltado de carretera. A de cronista é unha figura que ten que estar por riba de calquera disputa política”, argumentou a docente.
Pernas, que imparte clase no IES Monte Castelo, explicou que a proposta lle chegou no verán e que aceptou porque “os distintos grupos políticos” lle fixeron chegar “dunha ou outra forma o seu apoio”. Por iso, “cando me informaron de que se debatería no pleno deste xoves, decidín seguir para diante”, engadiu.
“Non participo do debate político e non entendo da idoneidade dos momentos nese sentido”, expuxo en relación co argumento do Partido Popular.
“Sempre colaborei nas iniciativas que se me propuxeron e seguireino facendo. Non preciso ser cronista para seguir traballando por Burela, na medida das miñas posibilidades”, concluíu a mestra, doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela.
Na súa época universitaria comezou a investigar a historia local cun primeiro traballo sobre as confrarías de pescadores da Mariña Lucense.
A actividade pesqueira, a Burela labrega ou a industria cerámica foron algúns dos temas que interesaron a docente, que ten afondado tamén sobre o papel das mulleres na historia contemporánea de Galicia en publicacións colectivas como ‘Esquecidas pola historia: as mulleres compostelás entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX’ ou ‘Historia das mulleres en Galicia‘.
“Teño outras dúas encargas sobre esta temática de cara ao verán, así que descansarei da historia local uns meses”, sorrí Pernas, que “non pensa agora” que decisión tomaría no caso de que o seu nomeamento puidera volver ao pleno na vindeira lexislatura.
O ALCALDE CRITICA AO PP
O alcalde, Alfredo Llano, criticou o posicionamento do Partido Popular. “Pensamos que non foi elegante nesa abstención porque era algo do que xa se viña falando hai tempo”, sostivo. “Estabamos no plano de consensuar a proposta porque o cronista está por riba de todos os partidos políticos, dado que representa ao pobo”, expuxo o rexedor.
Burela está sen cronista desde maio pasado, cando finou o párroco Benjamín González Quelle, que exercera o cargo desde 2006. Sucedera ao tamén sacerdote Ricardo Pena Domínguez.
REUNIÓN PARA “AVANZAR” NA RPT
O alcalde anunciou que o vindeiro xoves 4 de abril se celebrará unha reunión da mesa de negociación para “seguir avanzando” na elaboración da Relación de Postos Laborais (RPT). Llano explicou que o obxectivo da xuntanza é “acordar os criterios de valoración dos postos de traballo” e “ter claro como pode quedar a RPT antes de que remate a lexislatura“.
A RPT é unha vella reivindicación do persoal municipal que pide “a recualificación laboral e económica do emprego” e que se “evite o deterioro de calidade dos servizos básicos que se deu nos últimos anos”. En xaneiro pasado, realizaron varias mobilizacións para urxir ao goberno local a negociar o contido do documento.
EXPOMAR PRESENTARASE EN SANTIAGO
A Feira Náutico Pesqueira Expomar será presentada en Santiago de Compostela o vindeiro 10 de abril, segundo deu a coñecer Llano, tamén presidente da fundación do mesmo nome.