O pleno de Ribadeo nomeou este sábado Fillo Predilecto do municipio a título póstumo ao artista ribadense Suso Peña, ilustrador de banda deseñada, fotógrafo, pintor e docente.
A corporación municipal ribadense, nunha sesión plenaria extraordinaria, respaldou así por unanimidade unha petición do tecido asociativo de Ribadeo, que solicitou o recoñecemento para o que moitos consideran o primeiro debuxante galego profesional de banda deseñada.
Segundo lembrou na súa intervención o edil de cultura, Farruco Graña, A Concordia; a Sociedade Filantrópico-dramática, a Coral Polifónica; Acisa; a agrupación cultural Francisco Lanza; Tá en Artes; o IES Dionisio Gamallo Fierros; o CIFP Porta da Auga; o colexio Sagrado Corazón; os colectivos 8 de marzo e Por nuestro Faro; a asocación veciñal A Atalaia; Amarante Setem; O Tesón e A Ronqueta fixeron conxuntamente esta solicitude.
CREATIVO E COMPROMETIDO
Nado en Ribadeo no 1941, Peña traballou para axencias de cómics de aventuras e ciencia ficción durante máis de dúas décadas. As súas obras publicáronse en América e Europa.
Tamén destacou polo seu compromiso social con valores como o ecoloxismo e o antibelicismo. Peña, que faleceu na súa vila natal no 2005, deixou unha fonda pegada en Ribadeo e tamén moitos amigos na Mariña Lucense.
Representantes das asociacións que solicitaron o recoñecemento, amigos e familiares de Peña participaron no evento, no que a súa viúva, Carmucha, recibiu o título que incorpora ao seu home a unha listaxe de distinguidos na que figuran Ramón González ou “os irmáns Moreno“, Pedro e Juan Moreno Ulloa, entre outros.
HOMENAXE
O tributo de Ribadeo e da Mariña Lucense á memoria de Peña non rematará neste acto. A asociación cultural Tá en Artes homenaxeará ao artista ao longo deste 2019 con diversas actividades.
A primeira delas, o 13 de abril, cando inaugurará unha exposición sobre o ilustrador en Ribadeo, na que se espera que participen amigos e alumnado dos lugares onde impartiu docencia.