O adestrador Miguel González “Míchel” participou este martes nun coloquio en Vegadeo, organizado no marco do XI Foro Comunicación y Escuela do instituto vegadense IES Elisa y Luis Villamil.
O ex futbolista do Real Madrid e adestrador de equipos como Olympiacos, Sevilla ou Olympique de Marsella compartiu cos asistentes a súa experiencia no fútbol profesional e as súas reflexións sobre a contribución do deporte á formación. Antes do relatorio na casa da cultura, o técnico reuniuse cos alumnos do centro educativo.
Durante a xornada tamén visitou os concellos de Vegadeo e Castropol, ademais de desfrutar dun paseo en lancha pola ría de Ribadeo.
En declaracións a Ser Occidente, o madrileño definiu a visita como “un día de festa” e puxo en valor a “dedicación” dos promotores do Foro para organizar este tipo de iniciativas “cos medios que teñen”. Ademais, gabou a “continuidade” e o “nivel dos participantes”.
Míchel é o terceiro adestrador de elite que pasa polo programa do instituto vegadense despois de Vicente del Bosque e Javier Irureta, que participaron noutras edicións.
41 ACTIVIDADES PARA 11 CENTROS
Daquí a novembro, o Foro Comunicación y Escuela ofrecerá un total de 41 actividades para alumnado de once centros educativos da comarca Oscos-Eo.
Entre as conferencias previstas, figuran as do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; do vicepresidente do Goberno entre 1982 e 1991, Alfonso Guerra; ou do xuíz de menores Emilio Calatayud.