O Concello de Viveiro remitiu a Augas de Galicia un escrito no que pide ao ente autonómico que se implique na escolla e redacción dun proxecto e no financiamento e execución do mesmo para previr unha nova riada coma a do pasado novembro, cando o rebordamento do río Fontecova provocou a morte dunha anciá.
Trala recepción do informe hidrográfico elaborado por Augas de Galicia, que ofrece tres posibles proxectos para evitar inundacións en Xunqueira e Camiño da Fonte, o goberno local reuniu aos técnicos municipais e ás forzas políticas da corporación para avaliar o documento.
“CONSENSO” DA CORPORACIÓN
O Concello sinala que conta co “consenso” dos grupos municipais para lembrar a Augas de Galicia que “non conta cos medios técnicos nin coa capacidade económica necesaria para executar as obras propostas no plan”, que oscilan entre os 436.000 e os 505.000 euros de orzamento.
O comunicado do executivo municipal fai fincapé en que as alternativas ofrecidas polo ente autonómico -entre elas, ampliar a sección do río e por tanto o dominio hidrográfico– “afectarán notablemente aos veciños que residen nas zonas afectadas, e que, polo tanto, deben ser coñecedores das accións que se executen”.
A alcaldesa, a socialista María Loureiro, calcula que os proxectos, que propoñen naturalizar o cauce -unha delas, a mellor valorada, inclúe ampliar o ancho do río ao máximo, mesmo dous metros, habilitar unha pasarela de acceso ás casas- afectarían “directamente, a unhas dez vivendas, pero indirectamente a toda a zona”. Así, pide que se lles dea “audiencia” aos afectados no proceso.
O Concello tamén lembra que as solucións propostas por Augas de Galicia requerirían do beneplácito de Patrimonio, xa que afectarían ao Convento de Valdeflores.
Deste xeito, “tendo en conta que as obras a executar para a naturalización do cauce conlevan actuacións no dominio público hidráulico e que se atoparían integramente na zona de servidume”, o Concello solicita a Augas que determine “que acción concreta cómpre realizar” e que “colabore” co goberno local “tanto na execución, como na tramitación e no financiamento” das mesmas.
O PLAN DE ACTUACIÓN, ADXUDICADO
No tocante ás medidas de prevención estipuladas por Augas de Galicia no informe hidrográfico facilitado ao Concello, o goberno local sinala que limpou “o treito urbán de arrastres”, e que adxudicou a unha empresa a redacción do Plan de Actuación Municipal (PAM), recomendado no dossier como “fundamental” para evitar outra catástrofe.
MURO DO CEMITERIO
No tocante ao muro do cemiterio, danado pola riada, o Concello mercou dúas fincas anexas a Altamira e a Deputación de Lugo comprometeuse a financiar o seu arranxo, que podería superar os 40.000 euros. O proxecto está á espera dun informe de inxeñería externo para decretar como realizar as actuacións.