A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asinaron este xoves o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o Corpo da Policía Local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero.
O acordo foi aprobado nunha sesión extraordinaria que celebrou esta mañá a Xunta Local de Seguridade.
Rodríguez explicou que “o acordo de cooperación da Policía Local de Viveiro coas Forzas e Corpos de Seguridade de Estado para dar protección ás vítimas da violencia de xénero é consecuencia do proceso de colaboración co Concello de Viveiro que se puxemos en marcha meses atrás”.
Así, lembrou que “nun primeiro momento constituise, o pasado mes de outubro, a Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero e posteriormente, no mes de febreiro, acordouse a adhesión de Viveiro a este protocolo”.
Pola súa parte, a alcaldesa destacou que “a nosa dispoñibilidade debe ser máxima. Considero que todos os responsables públicos temos que cooperar na loita para eliminar esta lacra dunha vez”, explicou a rexedora.
Na sesión, que tivo lugar na Casa do Concello de Viveiro, tamén participaron a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da subdelegación do Goberno, así como responsables da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Local e a Policía Autonómica.
DEZASEIS CASOS ABERTOS
No sistema de seguemento integral Viogen, o número total de casos activos de mulleres con domicilio en Viveiro aos que realiza seguimento a Policía Nacional é de 16, dos que dous están considerados de risco medio, catro baixo e os dez restantes de risco non apreciado.
O número de denuncias por malos tratos presentadas neste municipio no 2018 foi de 26. No que levamos de 2019 presentáronse outras tres demandas por malos tratos no concello de Viveiro.