O Centro Comercial Aberto (CCA) de Foz organiza do 18 ao 20 de abril a décimo sexta Ruta de Tapas.
Participarán na cita gastronómica, que coincidirá coa Semana Santa, 15 bares e restaurantes que ofrecerán as súas creacións desta cociña en miniatura en horario de 13.00 a 15.00 horas a mediodía e de 20.00 a 23.00 horas polas noites.
O presidente do CCA focense, José Carlos Paleo, sinala que “estamos ante unha ruta que xa é un clásico na Semana Santa de Foz. Queremos ofrecer unha alternativa gastronómica atractiva para as moitas persoas que pasan eses días na nosa localidade e nesta comarca e tamén para a veciñanza. Dá gusto ver o ambiente que se crea na vila”, afirma.
DOUS EUROS O PETISCO
Na décimo sexta Ruta das Tapas participan A Bolera, Aroma Café, Bar 78, Bar O Pelolo, Cafetería Express, Cafetería Happy Days, Cafetería Mayros, Cafetería Pastelería Anduriña e Cafetería Restaurante Xoyma.
Tamén Espacio Machete, O Muelle Bar, Restaurante Costumes do Mar, Restaurante Dandy, Tangarte Mariñeiro e Tangarte Mesón. O prezo das tapas que se poderán degustar nestes locais será de dous euros.