IniciosociedadeRiotorto fará xustiza ao oficio que configurou o concello na Feira do...

Riotorto fará xustiza ao oficio que configurou o concello na Feira do Ferro, o domingo

Un total de 28 artesáns, procedentes de Galicia, Navarra ou mesmo Austria, participarán no evento, que contará con varias actividades paralelas

Publicada o

- Advertisement -

Vinteoito artesáns do noroeste peninsular participarán o vindeiro domingo na décimo terceira Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto.

O evento, que se celebrará nun recinto feiral cuberto, no que se poderá degustar polbo e outra comida tradicional, citará a ferreiros chegados de toda a provincia de Lugo, así como de Galicia e Navarra.

Con esta cita, Riotorto fai xustiza aos ferreiros, que axudaron a configurar este concello dende o punto de vista económico, social e mesmo físico, coa construción das ferrerías, os mazos e as moas que definiron a paisaxe.

PROGRAMA

O programa comezará ás 11.00 horas, coa apertura da feira e a exposición dos artesáns e produtos do campo. Ao longo do día, a música de Gaiteiros de Riotorto e a Charanga Louband amenizará a xornada.

Ás 11.15 horas empezarán as demostracións de oficios, cunha exhibición de pirogravado a cargo de Pirogravados do Norte, de Ortigueira; Roberto Figueira, de Rianxo, ofrecerá unha mostra de torneado de madeira; ademais, participarán Cestería Lito e Alfarería Aparicio, de Buño, e Eugenio Soto realizará tarefas de cristal tallado e decorado.

Ás 11.30 horas presentarase o libro de fotografías ‘A idade do ferro‘, publicado a partir da exposición do mesmo nome, obra de Xosé M. Salgado.

A actuación do coro de Riotorto, ás 12.00 horas, precederá a inauguración oficial da feira. As demostracións en vivo de artesanía do ferro comezarán ás 12.30.

Participarán os Ferreiros de Riotorto, o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl; Alberto Leis, de Santiago de Compostela; o Centro de Interpretación de la Forja (Forjas Brun de Navarra); o ferreiro Antonio do Corgo; artesáns da Fonsagrada e Forxa Chao, tamén da cidade compostelá.

Desde as 12.45 horas, os máis pequenos poderán coñecer como se traballa o fero da man de Brasmsteidl. O cómico vicedense Pepe Penabade fará un espectáculo itinerante, tanto ao mediodía como a primeira hora da tarde.

Ás 17.00 horas retomaranse as demostracións dos oficios e a partir das 19.00 horas haberá un espectáculo infantil para os máis pequenos no atrio da igrexa.

Concello e Asociación de Ferreiros organizan o evento. O alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, e o responsable da agrupación, José Manuel Cobo, participaron na presentación do evento, celebrada na Forxa de Lourín, onde se realizou unha demostración en vivo de artesanía do ferro.

“MILLEIROS” DE VISITANTES

O presidente da Deputación, Darío Campos, e mailo delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, asistiron á cita.

Campos destacou que a cita “atrae cada ano a milleiros de persoas ao municipio. Deste xeito, dinamiza a economía local e do conxunto da Mariña Lucense, así como pon en valor un oficio tradicional, a través de numerosas actividades e con demostracións en vivo”.

Á PROCURA DO RELEVO XERACIONAL

Balseiro, pola súa banda, remarcou que se trata dunha cita “singular”, que xira en torno a un oficio tradicional “en vías de extinción”. O delegado provincial da Xunta apuntou que “quizá se lle damos a esta actividade o valor que merece logremos que non se perda para sempre, que haxa en Riotorto un relevo xeracional que garanta que queden persoas que poidan seguir transmitindo esta tradición”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...