Foz acollerá esta primavera a 700 escolares e profesores do norte de España que realizarán actividades de inmersión lingüística no hostel Áncora.
Así o anunciou o goberno local, que recibiu o pasado martes a 62 docentes e alumnos do colexio Calasanz Escolapios, da Coruña, que realizan un campamento en inglés con actividades náuticas.
O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, destacou a importancia deste tipo de actividades, que “contribúen a desestacionalizar o turismo”.
EVOLUCIÓN TURÍSTICA
O rexedor felicitou “ás empresas que participan nesta iniciativa: Escola de Deportes Náuticos da Mariña, Sensación Surf, Maremasma e outras, que entre todas elas fan un paquete de actividades moi interesante”.
“En Foz hai 15 ou 20 anos había un turismo única e exclusivamente de alugueiro, e agora temos desde autocaravanas ata un dos mellores hoteis da Mariña, pasando por diferentes alternativas. Calquera turista hoxe en día pode vir ao municipio e valorar distintas posibilidades para pasar aquí uns días e para repetir”, remarcou.
“VOLVERÁN VISITARNOS”
Pola súa banda, o responsable de Ánchor Seacamps -empresa que se dedica aos campamentos náuticos con inmersión lingüística-, Francisco Moreda López, explicou que “pretendemos que os nenos vexan a Foz como un pobo que os acolleu e os tratou con mimo. Grazas a este tipo de actividades esperemos que cando cumpran anos poidan volver visitarnos”, remarcou.
No 2019 visitarán Foz uns 650 nenos, acompañados de 50 monitores, que realizarán actividades como a vela tradicional, o pádel surf ou o avistamento de aves ao longo do percorrido Rede Natura, ao tempo que practican inglés.