Álvaro Martínez Fernández, mozo de Ribadeo de 22 anos, gañou por terceira vez consecutiva o Desafío Asti Robotics, que se celebrou en Burgos o pasado 6 de abril.
O estudante de terceiro de Inxeñería Informática, que actualmente desfruta dunha beca Erasmus en Pécs (Hungría), acadou os premios ao mellor equipo e ao mellor rendemento do certame, que reuniu a 300 participantes e un total de 67 conxuntos.
Os galardóns, que recibiu da man da CEO da compañía, Verónica Pascual, permitiranlle participar no terceiro Congreso de Tecnoloxías Emerxentes para Ecosistemas 4.0, que se celebrará en Valencia no mes de outubro. Tamén recibiu un kit de robótica.
BABOR
O ribadense preparou o seu robot só, sen axuda nin de profesores nin de compañeiros, xa que é o único integrante do Ría de Ribadeo Robótica. Se na pasada edición chamou á súa “criatura” Eois, este ano continuou a apostar polos nomes mariñeiros con Babor.