IniciosociedadeO cabalo tamén cura

O cabalo tamén cura

Cabaliño de Pao, en Sargadelos, ofrece actividades de ocio para nenos e grandes e sesións de equinoterapia, en colaboración con profesionais socio-sanitarios

Publicada o

- Advertisement -

Mentres coida de Lluvia, unha egua branca de sete anos, Raúl Fraga conta que comezou a montar a cabalo desde pequeno, cos seus avós, pero non foi ata que cumpriu a maioría de idade que converteu un entretemento -“gustábame e facíao cando me deixaban”- nunha afección: hai cinco lustros que comprou a súa primeira besta. Agora quere converter o seu hobby nunha forma de vida e xunto coa súa compañeira, Ofelia Río, traballa para levantar a finais deste mes Cabaliño de Pao, o único centro ecuestre da Mariña Lucense.

CENTRO DE ARTESANÍA

O negocio é unha das tres empresas coas que se iniciará o centro de artesanía de Sargadelos, co que o goberno local cervense quere revitalizar o conxunto histórico-artístico. Aínda que Cabaliño de Pao pretende ofrecer distintas actividades –paseos en bicicleta ou rutas de sendeirismo, por exemplo-, o centro de ocio ten como eixo o cabalo, e quere dinamizar o espazo desde o respecto a unha contorna “que é marabillosa”, sinalan os propietarios.

o centro ecuestre é o único da mariña das súas características

ACTIVIDADES PARA NENOS

Pode vir xente non iniciada”, explica Fraga, “ata nenos de catro anos en diante. Os pequenos poden desfrutar cun poni co que traballaremos pé a terra, sen montar. Teremos catro eguas ao servizo dos clientes e un picadeiro pechado, que dá máis seguridade. E haberá tamén un circuíto aberto no que faremos xincanas, con obstáculos moi asequibles, que os animais superan con facilidade, sen perigo, e que lles gustan moito aos pícaros”, precisa. O centro ecuestre tamén contará, puntualmente, cun carro e unha calesa andaluza, das poucas orixinais que poden atoparse na provincia de Lugo e que teñen éxito nas vodas e sesións fotográficas.

CRECENTE DEMANDA

A aposta responde a unha crecente demanda. “Moita xente pedíanos montar en eventos coma o Mercado da Primavera do Valadouro. Mesmo temos feito actividades en colexios”, sinala Fraga. Río foi unha das primeiras mulleres da zona -hai dez anos- que se incorporou aos roteiros cabalares, antes protagonizadas en exclusiva por homes. “Creo que coa crise están cambiando os costumes. Hai un maior gusto polo deporte, pola vida sana e a alimentación, e tamén polo cabalo. Antes participaban nas rutas 30 persoas e nalgunha que fixemos ultimamente foron 1.000”, expón. “Foi en Arzúa. Tremía o asfalto”, lembra Raúl.

os donos din que os participantes nas rutas cabalares multiplícanse

Que ten o cabalo? “É un animal moi nobre. Pode non gustar, pero normalmente quen proba, namora”, sinala Fraga, que lembra a pequena historia que levou aos rapaces a fundar o negocio. “Fixemos o Camiño de Santiago e nun centro ecuestre vimos un neno autista que apenas se comunicaba, pero que cando estaba co cabalo era feliz”, relata.

EQUINOTERAPIA

Contan dos celtas que soían levar un cabalo a aquelas familias que estaban de loito pola morte dalgún ser querido. A equinoterapia serve como rehabilitación para persoas con discapacidade física, cognitiva ou sensorial, individuos en situación de exclusión social ou con transtornos do comportamento, a comunicación ou a aprendizaxe. “O cabalo ten unha temperatura corporal semellante á nosa, créase un vínculo afectivo e axuda a facer tarefas que doutro xeito se farían máis pesadas”, expón Río. O centro ecuestre de Sargadelos ofrecerá terapias deste tipo, sempre en colaboración con profesionais socio-sanitarios, coma os da Asociación Equinos.

A primeira actividade do centro ecuestre será o vindeiro sábado, enmarcada na programación da Xornada sobre Saúde Mental e Discapacidade Intelectual que organizan Aspanane e Fademga. Coa achega dos profesionais da asociación Al Paso, unhas 50 persoas comprobarán que o cabalo non só entretén, senón que tamén cura.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...