Traballadoras do xeriátrico de Viveiro concentráronse este martes contra o calendario imposto por Domusvi, considerado “insoportable” polo cadro de persoal.
Con pancartas que rezaban “Domusvi, quérelo todo para ti” ou “somos persoas e non somos robots”, as participantes reclamaron o seu dereito ao descanso, logo de que a empresa programase un calendario que inclúe ata “oito días de traballo continuos e nalgúns casos quendas dunha quincena con só unha xornada de libranza entre medias”.
Así o expuxo a CIG, convocante da protesta. O sindicato interpreta que o calendario “incumpre o convenio” e sinala que afectaría especialmente a tres postos, os de enfemería, xericultura e limpeza, a xuízo da central escasos de persoal para a demanda existente.
“As quendas laborais das que estamos a falar son un sobreesforzo tremendo para estas tres especialidades de persoal, moi acusadamente para as xericultoras. Falamos de que traballan con persoas que non se poden valer por si mesmas, que hai que mover cun grande esforzo físico para axudalas a ducharse ou realizar outras actividades”, expón a sindicalista da CIG, Susana Riveira.
A delegada da central nacionalista recoñece que “o persoal” do que dispón Domusvi en Viveiro “cumpre o mínimo esixido pola Xunta de Galicia, pero iso non significa que sexa suficiente. Teñen unha política de evitar accidentes que require de moita presenza, tanto preto das persoas dependentes coma das que non o son tanto, pero para iso hai que dotar ao cadro de profesionais”, indica.
Riveira engade que a tarefa das profesionais implica unha maior complexidade dado que no xeriátrico non só se atende a persoas maiores, “senón tamén a outras con enfermidades mentais. Trátase dun lugar onde se dispensa unha atención sociosanitaria practicamente completa”, indica.
CONFLITO COLECTIVO
Riveira explica que CIG, CC OO e UXT teñen interposto un pleito por conflito colectivo contra a empresa, á que acusa de ter modos autoritarios. “Nin sequera está disposta a facilitar que as compañeiras cambien quendas entre elas”, afirma.
A SEGUINTE, O DÍA 25
As obreiras programaron outras dúas concentracións, a seguinte para o 25 de abril. A terceira será o día 30. A posibilidade de facer folga é algo que as traballadoras teñen por valorar, pero Riveira di que “de facela, os servizos mínimos afectarían practicamente a todo o persoal. Iso explica cal é a situación en Domusvi Viveiro; conta cun persoal de servizos mínimos”, conclúe.