A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, criticou este luns a actitude do Partido Popular (PP), a quen reclamou “máis investimentos” para paliar as consecuencias da riada que asulagou Xunqueira no pasado mes de novembro, causando a morte dunha anciá, e “menos fotos de políticos” durante a Semana Santa viveirense.
Tanto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como a presidenta do Parlamento na última lexislatura, Ana Pastor, visitaron a celebración, na que ex ministra e candidata ao Congreso polo PP pontevedrés comprometeu un museo da Semana Santa de Viveiro.
Loureiro lamentou este luns que “o presidente da Xunta, a presidenta do Parlamento e o deputado do PP pola provincia de Lugo só se acorden de Viveiro en campaña electoral e non viñeran, ningún de eles, cando sufrimos a riada no barrio de Xunqueira”.
“É lamentable que durante esta semana desfilaran polo Concello varios cargos do PP, pedindo un museo para Semana Santa, cando non tiveron a dignidade de vir nin un día a Xunqueira a ver como estaban as máis de 40 familias afectadas pola catástrofe. Feijóo mandou á Conselleira de Infraestruturas porque debía de ter cousas máis importantes que atender”, expón a rexedora.
Loureiro denunciou que “todos eles, incluído Jaime de Olano, son conscientes da situación na que está o barrio”, afirma a alcaldesa, que lembra que Augas de Galicia achegou un informe hidrográfico no que “nos esixe tomar medidas e reconstruír a zona cun orzamento de 500.000 euros. É dicir, din que os viveirenses nos busquemos a vida porque eles non van colaborar economicamente. A Xunta do PP, unha vez máis, nin está nin se lle espera”, argumenta.
PIDE MÁIS IMPLICACIÓN DE AUGAS DE GALICIA
A principios deste mes, o Concello instou a Augas de Galicia a comprometerse na reconstrucción de Xunqueira, instando ao organismo autonómico a especificar “que obra cómpre facer” e tamén a financiar a mencionada reforma, dado que o Concello non dispón de medios económicos.