EFE. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia activou para esta próxima madrugada unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará ao longo do xoves á Mariña Lucense, como a todo o litoral de Galicia.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), trátase dun fenómeno meteorolóxico de nivel laranxa que afectará a todo o litoral galego, con ondas do oeste e o noroeste de cinco a seis metros.
Prevese que comece arredor do mediodía do 25 nas provincias da Coruña e Pontevedra e que se extenda a última hora da tarde ao litoral da provincia de Lugo.
Por este motivo, e a fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación ás administracións provinciais e locais.
RECOMENDACIÓNS
As autoridades recomendan evitar aproximarse a diques ou rompentes co obxecto de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou cousas, ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, ficar lonxe da costa, praias, paseos marítimos, espigóns portos e zonas que poidan ser barridas polo mar.
Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras, como medida preventiva nas zonas máis perigosas, así como que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar, e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.