Este venres comezará a décimo segunda edición da Ruta de Pinchos que impulsa o Concello do Vicedo. Oito establecementos de hostalería do municipio participarán na cita gastronómica, ofrecendo aos clientes cadansúa especialidade.
O evento culinario celebrarase en dúas fins de semana consecutivas, con rutas por diferentes locais. Os petiscos poderán degustarse os días 26 e 27 de abril, nunha primeira quenda, e 3 e 4 de maio, na segunda, en ambos casos nun horario de 20.00 a 23.00 horas.
26 E 27 DE ABRIL
Nesta primeira fin de semana da Ruta dos Pinchos, o Chiringuito de Abrela, ubicado na contorna da praia, en Suegos, ofrecerá ameixas e kokotxas.
En San Román, o restaurante Area Grande proporá o pincho “Mistura”. Na mesma localidade, Casa Fanego preparará ‘Pescada do pincho de Celeiro con puré vermello e salsa chimichurri‘.
3 E 4 DE MAIO
Os días 3 e 4 de maio haberá ata cinco alternativas. O Café Bar San Esteban elaborará ‘Codillo con cebola caramelizada‘, mentres que a Cafetería Galatea ofrecerá ‘Roliños de porco‘.
La Bodeguita del Puerto ofertará a súa tapa ‘Especial‘, mentres que o merendeiro ‘Los Árboles’ de Xilloi cociñará ‘Secreto de Los Árboles‘. Por último, o mesón O Remo proporá ‘Guao Bau‘. O prezo de cada petisco será de dous euros.
SORTEO DE DOUS XAMÓNS
Os participantes na Ruta de Pinchos do Vicedo participarán no sorteo de dous xamóns (un por cada ruta) que se rifará entre todos os votantes á mellor tapa.