A Xunta de Galicia anunciou que vén de contratar un médico para cubrir a praza que quedará vacante no centro de saúde de Alfoz, despois de que unha facultativa pedise o traslado a Viveiro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o novo facultativo incorporarase tan pronto sexa oficial a vacante, o 1 de maio.
O delegado confía en que “en cuestión duns días recuperemos o funcionamento normal no centro de saúde desta localidade” e argumenta que está a ser “complexo” realizar este tipo de contratacións pola “escaseza de profesionais“.
“En Galicia, e tamén no conxunto de España, desde a administración atopámonos con dificultades para cubrir baixas prolongadas e substitucións de médicos, pero realizamos todos os esforzos para seguir prestando a mellor atención posible”, sinalou Balseiro.
SOBRECARGA ASISTENCIAL
Ao longo das últimas semanas, veciños, os partidos membros do goberno bipartito de Alfoz, PSOE e VIA, e o sindicato CIG-Saúde, reclamaron ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que cubrise de forma estable e inmediata á profesional que vén de pedir o traslado, que estivo de baixa desde principios do mes de abril sen que a Xunta dispuxese un substituto.
Ante as constantes ausencias da profesional, no pasado mes de novembro xa se aprobara por unanimidade unha moción para que se paliasen as carencias do centro.
Ante o envellecemento poboacional e a dispersión dos núcleos de poboación, a presenza dun único facultativo para atender as 1.566 tarxetas sanitarias e as visitas domiciliarias no municipio de Alfoz deriva na “sobrecarga” do médico e na perda da calidade asistencial, denunciaron.