O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, anunciou de que puxo en coñecemento do Xulgado da localidade e da Xunta Electoral da zona un informe elaborado pola Policía Local do seu municipio en relación coas pintadas “de Vox” que apareceron nos últimos días en diversos lugares do concello.
Segundo expuxo o alcalde, esas pintadas apareceron nos campos de fútbol Pepe Barrera e de Ove, pero tamén no observatorio de aves de Reme e nunha marquesiña do lugar da Devesa.
Aínda que serán tapadas pola Brigada de Obras municipal, aclarou o rexedor, o goberno local quixo poñer en coñecemento da autoridade xudicial correspondente a aparición “dunha serie de pintadas” na “última semana da campaña electoral, en favor dunha candidatura caracterizada pola súa homofobia, o seu racismo, polo seu machismo ou sectarismo. En definitiva, polo seu odio á diversidade“, concluíu.
Aínda que a Brigada de Obras xa retirou algunha das pintadas que foron aparecendo, especialmente nas inmediacións dos recintos deportivos, Suárez Barcia explicou que a “resposta” dos responsables “foron máis pintadas“.
INVESTIGACIÓN
“Decidimos deixalo ata esta semana e, a partir de hoxe, imos proceder ao seu tapado. Non obstante ordeneille á Policía Local que abrise unha investigación e recollese todas as pintadas que se foron facendo sobre o mobiliario e o patrimonio público, e todo iso foi enviado ao Xulgado e á Xunta Electoral”.