EFE. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de 23 anos e dez meses de cárcere, ademais de dez anos de liberdade vixilada, para un valadourense acusado de maltratar e violar a súa muller.
O alto tribunal rexeitou os recursos interpostos pola defensa do procesado e pola acusación particular e confirmou a sentenza da Sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo.
A resolución considera acreditado que o condenado, J. J. G. P., violou en dúas ocasións á súa muller, á que esixía diñeiro para mercar droga.
Ademais, o tribunal relata que a sometía a “continuos episodios de violencia” e que a amezaba con facerlle dano ás súas dúas fillas, non deixarlles saír e “matalos a todos”. O TSXG considera ao acusado culpable dos delitos de malos tratos habituais, agresión sexual, lesións leves e coaccións.
Nunha ocasión, segundo a sentenza de instancia, agrediu á súa filla maior, á que chegou a arrincar un mechón de pelo cando tentaba defender a súa nai. O sospeitoso tamén foi penado coa prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante 26 anos, e ás súas fillas, durante catro e tres anos, respectivamente.
“PROBA ABUNDANTE”
“Non cabe dúbida de que existe abundante proba que corrobora a realidade dos feitos sen que sexa preciso traer a colación máis evidencia da que xa foi valorada e, en calquera caso, sería a defensa a que tería que mostrar elementos que permitisen descartar a visión ofrecida pola vítima e soportada por outros elementos probatorios”, sostén o alto tribunal.
O TSXG remarca na sentenza a presenza de “restos físicos” que a violencia empregada polo condenado deixou no corpo da vítima, así como de restos biolóxicos demostrativos da relación sexual.
ALEGACIÓNS DA ACUSACIÓN PARTICULAR
No tocante ás alegacións da acusación particular, o tribunal rexeita o castigo das ameazas proferidas “por integrarse dentro da situación creada polo acusado, que foi constitutiva dun delito de malos tratos habituais”.
Así, explica que resulta aplicable “o principio de absorción, de tal modo que a situación de medo e inseguridade que as ameazas provocaron materializáronse nos malos tratos”.