A Xunta reformará o colexio de Cervo con 1,06 millóns de euros

O proxecto inclúe a mellora da eficiencia enerxética e a instalación dun ascensor no centro, e o goberno local prevé que as obras comecen "o vindeiro verán"

Reunión de Balseiro e Villares coa Anpa e a dirección do centro. AXM

O Concello de Cervo anunciou este martes que a Xunta de Galicia solicitou a licenza municipal para executar unha obra de reforma integral e mellora da eficiencia enerxética do Colexio de Educación Infantil e Primaria (Ceip) de Cervo, que suporá un investimento de 1,06 millóns de euros.

En concreto, o Goberno galego actuará na carpintería exterior e interior (fiestras, portas e persianas), mellorará o illamento das fachadas, executará traballos de albanelería e substituirá as luminarias existentes por outras de baixo consumo e tecnoloxía LED.

O proxecto tamén inclúe traballos xerais de acondicionamento interior (falsos teitos, reparación de tabiques, pintado de aulas, novo sistema eléctrico); a instalación dun ascensor co que se pretende mellorar a accesibilidade; e reformas na instalación de climatización e a renovación dos aseos (pavimento antiescorregadizo con baldosa porcelánica, billas e aparatos), entre outras actuacións. O orzamento das actuacións é de 1.057.127 euros.

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a edil de educación, Dolores García Caramés, informaron este mediodía á Asociación de Nais e Pais (Anpa) e á dirección do centro do proxecto. Segundo o executivo municipal, a obra “executarase previsiblemente durante as vacacións de verán”.

INAUGURADO NO 1983

Villares explicou o Concello “tentará axilizar ao máximo os trámites para poder levar adiante esta importantísima actuación” e agradeceu á Xunta que “atendese con tanta premura a solicitude do Concello, contemplando esta renovación integral do centro, que se inaugurou no ano 1983, para a que mobiliza unha gran cantidade de diñeiro público en beneficio do conxunto da comunidade educativa”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here