As axudas para a Festa da Troita da Pontenova, Festa de Interese Turístico Galego que se celebrará desde este martes ata o vindeiro mércores, foron fonte de polémica entre PP e PSOE.
O Partido Popular asegura que desde 2013 “a administración local” non tramitou a solicitude das axudas que concede a Xunta de Galicia ás festas que contan coa distinción mencionada con anterioridade.
O candidato do PP á alcaldía da Pontenova, David Álvarez Gutiérrez, afirma que a celebración “perdeu 15.000 euros nos últimos cinco anos” e alerta de que, tralo aumento da contía, pode deixar de percibir “outros 7.000” se non se solicita a subvención correspondente a esta anualidade antes do vindeiro 15 de maio.
Álvarez argumenta que “a renuncia voluntaria do alcalde” vai en prexuízo da festa, “que podería dispór de máis recursos para a súa organización e difusión”. Así, sostén que o “desleixo municipal” resta “visibilidade e apoios a un evento de gran importancia desde o punto de vista turístico, gastronómico e deportivo, e que supón un plus para o desenvolvemento socioeconómico da Pontenova”.
O alcaldable pregunta así “quen son os concelleiros do equipo de goberno para decidir renunciar a un apoio económico que lle corresponde a este evento de xeito directo dende a súa declaración como cita de Interese Turístico Galego”, distinción que a Festa da Troita acadou no 1999.
CAMPOS DI QUE ÁLVAREZ “MINTE”
O alcalde da Pontenova, o socialista Darío Campos, asegura que Álvarez “minte” e que “o Concello non pode solicitar ditas axudas porque non organiza dito evento. É o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) o que impulsa a Festa da Troita”, indica. “Esas axudas, como debería coñecer o candidato do PP, só se poden dar a gobernos locais e non a entidades, por iso nin se solicita nin se recibe ningunha partida desas subvencións”, precisa o rexedor.
“Que a estas alturas o señor Álvarez Gutiérrez non saiba que a Festa da Troita organízaa unha asociación é o exemplo perfecto da desconexión do PP cos veciños e co concello da Pontenova. Nin están nin se lles espera”, asevera Campos.
8.000 EUROS ENTRE CONCELLO E DEPUTACIÓN
O alcalde da Pontenova e presidente da Deputación de Lugo remarca que o goberno local subvenciona con 3.000 euros a celebración e que o executivo provincial suma outros 5.000. “Ademais, achégase persoal municipal e material para apoiar loxisticamente o evento”, expón Campos, que insta ao candidato conservador “a pedirlle aos seus compañeiros do PP na Xunta de Galicia que colaboren coa cita”.
O PP CITA OUTROS EXEMPLOS
Os populares, con todo, insisten en que festas como a da Filloa de Muimenta, a Queimada de Cervo ou As Quendas de Mondoñedo tamén son impulsadas por asociacións, pero “son as entidades locais quenes emiten a petición. Entre os custos subvencionables está o ofrecemento de persoal municipal e material para apoiar loxisticamente os eventos”, subliñan.