Máis de 4.000 persoas achegáronse a Festa da Troita da Pontenova, que superou as catro décadas de tradición. A degustación das troitas nas casetas situadas na Praza dos Fornos e os certames de pesca son os grandes reclamos desta cita que mestura o interese turístico e gastronómico co deportivo.
Os concursos de lance, mosca e salmón reuniron a 130 pescadores de Galicia, Asturias e outras comunidades, entre eles oito campións do mundo, aos que se puido ver desde primeira hora da mañá deste mércores na ribeira do Eo.
O espectáculo seguírono en primeira liña as persoas que participaron na ruta de sendeirismo Festa da Troita Vía Verde, que se organizou por primeira vez e que discorreu a carón do río pola antiga vía do tren que unía A Pontenova e Ribadeo.
PRIMEIRO SALMÓN DA CAMPAÑA
O campión do concurso de salmón foi o asturiano Laureano Álvarez Hermida que botou a terra o “campanu” galego, capturado en Herbelle. O primeiro salmón da tempada de pesca, que se inaugurou este mércores en Galicia, pesou case sete quilogramos.
O concello subliñou que a festa supuxo “unha ocupación hoteleira do 100%” ademais “dun revulsivo económico para a Mariña” xa que a maioría dos pescadores se aloxaron nos establecementos da vila e da contorna.
TROITAS DE OURO
As actividades programadas comezaron xa o martes coa entrega das ”Troitas de Ouro” a personalidades e entidades relevantes do mundo da pesca: o campión mundial David García Ferreras; a Fundación North Atlantic Salmon Nasf; o proxecto Arcas de Mesas do Narcea; Leonardo de la Fuente de Radio Marca e Manuel Gómez da tenda de pesca en Chantada Armería Mago.