O Concello de Cervo engadirá nos meses de xullo e agosto un programa de conciliación ás actividades programadas para nenos en anos anteriores, coma os Enredos de Verán ou Repasando en Verán.
Cervo Concilia “componse dunha repleta axenda de actividades adicadas a nenos de entre tres e doce anos. O que pretendemos é brindarlles ás familias unha ferramenta que lles axude a conciliar a vida laboral co coidado dos seus pequenos e das súas pequenas”, sinalou o rexedor cervense, Alfonso Villares, que presentou a iniciativa coa edil de cultura e educación, Dolores García Caramés.
As actividades serán de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.30 horas. As familias empadroadas no municipio poden formalizar a súa inscrición no programa, gratuíto, na casa da cultura ou no consistorio.
o programa é de balde e está aberto o prazo de inscrición para as familias empadroadas no municipio
ENREDOS DE VERÁN
Cervo Concilia súmase a iniciativas consolidadas coma os Enredos de Verán, que na pasada edición xuntaron a máis de 100 nenos. O programa diríxese a nenos e nenas de entre tres e doce anos, e haberá todo tipo de xogos acuáticos e actividades ao aire libre, como surf, skate ou bádminton, ademais de xornadas educativas centradas no medio ambiente.
Acollerán as actividades a casa do mar de San Cibrao e o ecomuseo de Cervo. Haberá un horario diferente en función das idades: os luns e os mércores será a quenda dos nenos de tres a cinco anos, de 11.00 a 12.30 horas, e de 12.30 a 14.00, para os pícaros de seis a nove anos. Os rapaces de dez a doce anos desfrutarán do programa os martes e os xoves, de 12.30 a 14.00.
REFORZO AO ESTUDO NAS PARROQUIAS
Outra das novidades que prepara o goberno local cervense para este verán é un novo calendario de Repasando no Verán, que se impartirá nos diferentes locais sociais das parroquias. Caramés explicou que o proxecto “está pensado para rapaces de todas as idades” e que se desenvolverán “todo tipo de actividades de reforzo, cálculo, clases de inglés e técnicas efectivas de estudo”. Os horarios fixaranse en función das persoas anotadas.