Os nenos ingresados no Hospital Público da Mariña acudirán a partir de agora á súa cita médica no bloque cirúrxico ou para realizarse probas diagnósticas no seu propio coche eléctrico teledirixido.
A empresa de cafeterías Apéteceme doou o vehículo ao Servizo de Pediatría do centro hospitalario nun acto, celebrado este venres, no que estiveron presentes a xerente executiva da Mariña, María José Cortés Canay, e o xerente da cadea, Nicolás Vázquez, así como profesionais do Hospital Público da Mariña.
“MAIOR EFECTIVIDADE” ASISTENCIAL
Esta iniciativa encádrase dentro do proxecto de humanización dos coidados pediátricos, que propón o uso dos coches teledirixidos de xoguete dentro das instalacións do hospital cunha fin terapéutica.
O obxectivo é tranquilizar ao menor no momento de ter que ir a quirófano e tamén procurar unha mellor colaboración da crianza co persoal sanitario no seguimiento das pautas do seu tratamento e, como consecuencia, proporcionar unha maior efectividade na súa asistencia clínica.