
A Xunta de Galicia prevé executar “durante o verán” obras de remodelación e mellora da eficiencia enerxética no colexio número 1 de Foz.
O goberno galego, que comprometeu a licitación para “primeiros de maio”, avanzou os prazos para a realización dos traballos, nos que investirá preto de 915.000 euros.
ILLAMENTO E ACCESIBILIDADE
O proxecto contempla a renovación das fiestras, mediante a colocación de vidro illante con dobre acristalamento e cámara de aire intermedia, e das caixas de persianas ou a mellora das portas interiores e exteriores. Tamén prevé o illamento de fachada e a substitución da cuberta no edificio novo.
Ademais, instalaranse equipos LED, con regulación lumínica e detectores de presenza nas zonas comúns e a repararanse e pintaranse os paramentos interiores
Doutro lado, realizaranse traballos para mellorar a accesibilidade do centro. Así, proxectarase un novo ascensor e un sistema de ramplas entre os edificios que permitirá eliminar as barreiras arquitectónicas existentes.
NOVO PATIO CUBERTO
As obras tamén inclúen a construción dun soportal que habilitará un novo espazo de xogo cuberto. No interior, reformaranse os aseos e intercambiarase a localización entre o comedor e a cociña.
REUNIÓN COA COMUNIDADE EDUCATIVA
O alcalde, Javier Castiñeira, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, explicaron este venres os detalles do proxecto aos representantes da dirección do centro e da asociación de nais e pais.
O rexedor comprometeuse “a axilizar ao máximo os trámites que dependen do concello” para executar as obras no prazo anunciado.
As actuacións, aprobadas no Consello da Xunta deste xoves, contan xa coa licenza municipal.