A Mariña clama contra o recorte dun técnico da ambulancia medicalizada

Veciños, traballadores, colectivos e forzas políticas concentráronse en Foz contra a supresión dun dos profesionais do servizo, que presta "entre 800 e 900 asistencias anuais"

Concentración en Foz. AXM

A veciñanza da Mariña Lucense concentrouse este venres en Foz contra o recorte dun Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) da ambulancia medicalizada ubicada nesta vila, a única coa que conta a bisbarra.

Nos pregos do contrato ofertado por Urxencias Sanitarias contémplase a supresión dun dous dous técnicos dos que está dotado o servizo (ademais dun enfermeiro e un médico), o que os traballadores consideran que “mermará a calidade asistencial” e “incrementará os tempos de resposta“.

Os obreiros alertan de que a presenza dun segundo técnico é fundamental para atopar rapidamente as localidades do rural, así como para atender axeitadamente en accidentes con múltiples vítimas, así como para facer compresións torácicas, que requiren para ser efectivas dun relevo cada dous minutos.

Ademais, os operarios aluden ao cansazo que acumularán os condutores que realizan traslados interhospitalarios ao non poder continuar co programa de quendas utilizado ata o de agora, co conseguinte risco para os usuarios da ambulancia e tamén para os da vía pública.

DEMANDA EN AUMENTO

Tras argumentar Urxencias Sanitarias que a calidade asistencial “está garantida” e que o recorte se debe a “estudos” que analizaron “os tipos de servizos realizados”, os obreiros argumentan que, malia que na actualidade carecen de datos para os dous anteriores exercicios, a demanda de ambulancias medicalizadas en Galicia foi en aumento cada ano ao longo desta década e só experimentou un leve retroceso no 2016.

Os traballadores calculan que a Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil da Mariña Lucense “fai entre 800 e 900 servizos ao ano”. Deles, “arredor do 70%”, advirten os técnicos de emerxencias sanitarias da Mariña, “son urxencias”.

DISPERSIÓN POBOACIONAL E SITUACIÓN XEOGRÁFICA

Os obreiros tamén basean a súa reivindicación de manter o cuarto profesional do servizo na situación xeográfica. Así, e malia que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) subliña que as emerxencias na bisbarra poden contar cos helicópteros medicalizados de Santiago de Compostela e Ourense, os traballadores sinalan que a presenza deste recurso na Mariña Lucense é “testemuñal”, como demostra, resaltan, un mapa de isócronas que non ofrece datos da comarca, fóra dos tempos mínimos da base.

Mapa isócrono. AXM

Ante a aseveración do Sergas de que o “novo modelo” con tres profesionais funcionou “noutras comunidades“, os técnicos pregúntanse se son zonas de igual dispersión poboacional, lembrando que en rexións como Madridhai unha incidencia e pódense activar catro ou cinco ambulancias“.

RESPALDO

A protesta de veciños e traballadores contra o recorte da dotación da ambulancia medicalizada contou co apoio da totalidade dos partidos da oposición en Galicia así como das forzas políticas locais, ademais de representantes dos sindicatos e da plataforma sanitaria. Tamén se sumou, entre outros rexedores e concelleiros mariñaos, o alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira.

O ALCALDE PIDE VERSE CO CONSELLEIRO

O rexedor focego mantivo unha reunión na mañá do venres co persoal do servizo e anunciou que solicitou unha reunión co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para tratar “persoalmente” o que considera un recorte “que non trae nada bo para a poboación” e que “dificilmente se pode argumentar que non vaia afectar ao servizo“.

PROPOSICIÓN DO PSOE NO PARLAMENTO

A deputada do PSdeG-PSOE Patricia Otero anunciou que os socialistas rexistraron unha proposición non de lei no Parlamento galego para que se manteñan os dous técnicos da ambulancia medicalizada de Foz, así como para ampliar o servizo de ambulancia de soporte básico vital con base na vila ás 24 horas -está operativo doce-, para non ter que mobilizar ningunha das ambulancias de Viveiro, Burela, Mondoñedo ou Ribadeo en caso de emerxencia. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here