Trabada celebra este domingo (a partir das 12.00 horas, na praza do consistorio) a segunda edición da Festa da Enfariñada, unha cita que o Concello quere converter na festa gastronómica que se identifique co municipio. A alcaldesa, a socialista Mayra García Bermúdez, explica que a celebración englóbase nun plan de dinamización do turismo.
Como xurde a Festa da Enfariñada?
Xorde a partir dun plato típico, noso, e da intención de que o concello teña a súa festa gastronómica. Poñer en valor a enfariñada, chamada faragullos en municipios próximos como Riotorto ou A Pontenova, é unha iniciativa máis dentro dun plan de dinamización turística que trazamos desde que entramos no goberno. O tecido asociativo respondeu moi ben á nosa chamada e estamos moi contentos de como saíu a primeira vez.
Cal é a receita?
Pois a enfariñada de Trabada leva fariña de trigo, ovos, leite, auga e sal. Faise unha masa similar á das filloas, aínda que máis grosa, e nunha tixola vaise salteando con torreznos, tentando desfacela ben picadiña para que vaian quedando pequenos anacos.
Un prato que forma parte da sociedade trabadense.
Si. Sabemos que durante a posguerra quitou moita fame. Todos os ingredientes dos que falamos eran habituais nas casas, aínda que fosen humildes e en tempos duros. A xente traballaba o trigo, tiña a súa vaca, que lle daba leite…
Falaba da implicación do tecido asociativo. Cantas persoas participarán na festa?
Ademais da xente que axuda coa loxística, teremos a 16 mulleres da asociación Marco da Pena cociñando e outras seis persoas do equipo de fútbol sala de Trabada atendendo na barra do bar.
A primeira edición foi un éxito, con racións esgotadas.
Si. Cociñamos máis de 300; tiñamos 300 cuncas que se esgotaron e as restantes servímolas en pratos. Este ano contamos vender unhas 500 racións. Dan bo tempo para domingo, así que contamos que veña moita xente.
Ademais da gastronomía, a Festa da Enfariñada ten outros atractivos.
O primeiro ano xa programamos actividades culturais e este ano tamén, un pouquiño máis ambiciosas. Pola mañá contaremos con dous grupos tradicionais, Airiños da Freba e Illa Pancha, e trala degustación actuará Susana Seivane, a unha hora boa para que a xente que comeu poida quedarse. Tamén haberá unha mostra do oficio do torneiro e algúns postos de produtos ecolóxicos. Queremos que haxa unha variedade, pero tampouco un exceso de actividades que opaque á protagonista da festa, que é a comida.
Como dicía, a Festa da Enfariñada é parte dun plan de dinamización turística. Que outras iniciativas inclúe?
Apostamos por ter unha presenza intensa en redes sociais, e tamén en feiras turísticas como Fairway e Fitur. Fixemos un blogtrip co Concello de Mondoñedo para impulsar a nosa zona común do Camiño de Santiago e habilitamos un albergue de sete prazas para acubillar aos peregrinos. Tamén está o festival interrexional Eu Son Eo, que organizamos co Concello de Vegadeo.
A verdade é que no pasado verán notouse un incremento das visitas a Trabada. Esperamos poder ofrecerlle aos turistas unha oferta máis variada coa apertura do museo etnográfico que se ubicará na antiga escola. As obras están rematadas. Solicitamos unha subvención para a musealización á Xunta de Galicia e de concedérnola podería estar listo este verán.