A Festa da Enfariñada de Trabada segue a medrar e na súa segunda edición repartiu máis de 1.000 racións, segundo precisou a organización, que encabeza o Concello coa colaboración da asociación de mulleres rurais Marco da Pena e do equipo de fútbol sala trabadense. Ás dúas da tarde xa se remataran as cuncas dispostas polos organizadores.
A alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, destacou que “esta festa ten moi boa acollida entre os veciños e agardamos que nun futuro chegue a converterse nun referente gastronómico e cultural na Mariña Lucense e para provincia de Lugo“.
Os asistentes poideron desfrutar dunha receita típica, que se elabora nunha tixola remexendo ovos, auga, sal e, ás veces, cebola ou torrezos. Semellante ás migas, a enfariñada degustase cando a masa adquire textura consistente e cor tostada e foi un alimento que aliviou a fame dos trabadenses durante os anos posteriores á Guerra Civil.
PROGRAMA CULTURAL
Durante a xornada os asistentes desfrutaron dunha demostración de restauración-torno da man de Vicente Ledo, actuacións musicais da man do Cuarteto Tradicional Illa Pancha e Airiños da Freba, e puideron percorrer o mercado de produtos locais de artesanía ou desfrutar do produto gastronómico estrela. Xa polo serán, Susana Seivane, unha das artistas galegas de maior prestixio internacional actuou nesta celebración.