IniciosociedadeO Sergas prevé gastar medio millón máis en transporte sanitario urxente na...

O Sergas prevé gastar medio millón máis en transporte sanitario urxente na Mariña mentres recorta persoal

Traballadores e UXT lembran que manter un técnico da ambulancia medicalizada supón "un gasto ínfimo" dentro dun orzamento que rondará os dous millóns en 2020

Publicada o

- Advertisement -

Mentres recorta un dos dous Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES) da ambulancia medicalizada da Mariña Lucense, con base en Foz, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) prevé nos próximos anos un aumento significativo do orzamento de transporte sanitario urxente para A Mariña Lucense.

Así o recollen os pregos de condicións para a prestación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre. Nos anos 2016, 2017 e 2018 o orzamento do servizo na bisbarra ascendeu a 1,476 millóns. Ata o mes de outubro de 2019, momento no que se renovará o contrato, o gasto será similar ao de exercicios anteriores.

Orzamento do contrario anterior. AXM

Para o último treito do 2019, o Sergas prevé gastar case 407.000 euros. Segundo o documento, para 2020 calcúlase un aumento do presuposto de case medio millón con respecto aos cursos anteriores (ata os 1.975.960 euros).

2,21 MILLÓNS EN 2022

Segundo o documento, a previsión en 2021 é aumentar o presuposto ata os 2,165 millóns, para alcanzar no 2022 os 2,21 millóns. Nos primeiros dez meses de 2023, ata o remate do contrato que se prevé formalizar en outubro, a previsión de gasto roza os 1,75 millóns.

Previsión de orzamentos para os anos vindeiros. AXM

O AUMENTO DO PRESUPOSTO NON SERVIRÁ PARA FINANCIAR NOVOS RECURSOS NIN PARA AMPLIAR O HORARIO DA AMBULANCIA DE SOPORTE BÁSICO DE FOZ

O aumento do orzamento, así, será para material ou para mellorar as condicións laborais dos traballadores, non para incrementar o persoal da ambulancia medicalizada, nin para financiar novos recursos nin para ampliar o período de servizo dos xa existentes. A sociedade da bisbarra reclama desde 2011 o aumento do horario -de doce a 24 horas- da ambulancia de soporte vital básico de Foz, que só está operativa de 10.00 a 22.00 horas.

Tanto os técnicos de emerxencias da Mariña Lucense como a Unión Xeral de Traballadores (UXT) reiteran que manter o TES do que o Sergas prevé prescindir tería “un custo ínfimo en relación co diñeiro orzamentado neste concurso”.

“DISCRIMINACIÓN”

Este luns, a UXT insistiu en que A Mariña Lucense está a padecer “unha discriminación” porque de todas as ambulancias de soporte vital avanzado existentes ata o de agora en Galicia é na única que se suprime un TES, situación á que hai que sumarlle o feito de que xa con anterioridade a ambulancia de soporte vital básico con base en Foz pasou de ter unha operatividade de 24 horas ao día a doce. Todo isto cando noutras zonas de Galicia non só non se recortan, senón que se amplían os recursos existentes“, afirmou a central.

o sindicato alerta de que noutras zonas de galicia “amplíanse os recursos existentes”

O sindicato socialista argumentou que os catro traballadores -dous TES, un enfermeiro e un médico– da Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil da comarca “é a correcta” e “un equipo indivisible”, xa que “é a encargada de atender os casos de urxencias e emerxencias máis graves en toda a comarca, en moitas ocasións, situacións de risco vital”.

A central sostivo que o TES “é unha figura primordial” para a “rápida localización do punto de emerxencia, para a atención de accidentes con múltiples vítimas, para a redución de doentes alterados ou agresivos, para a rápida recollida e entrega de doentes en transporte interhospitalario, para a actuación en paradas cardíacas, politraumatismos e inmobilizacións”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...