O pasado domingo concluíu a campaña de promoción do comercio local ribadense na que se puxo en circulación unha “moeda propia”, a pancha. O Concello de Ribadeo asegurou que a iniciativa mobilizou “máis de 65.00 euros” nos oitenta e tres establecementos que se sumaron á proposta, deseñada polo goberno local e Acisa.
Desde que comezara, o 5 de abril, distribuíronse panchas por valor de 40.000 euros, que se canxearon nos comercios e establecementos hosteleiros. O alcalde, Fernández Suárez, apuntou que “o gasto real realizado foi maior, superando os 65.000 euros”. Un balance aínda pendente de que contabilizar as últimas validacións dos establecementos, que poden continuar ata o 20 de maio.
“ÉXITO ROTUNDO”
O rexedor valorou a campaña como un “éxito rotundo” e salientou o seu impacto na “imaxe de marca” do comercio local ribadense, que definiu como o “motor económico e social da vila”. Neste senso, destacou que a campaña “demostrou a forza que ten o comercio ribadense, visibilizando a grande oferta e diversidade que existe”. Suárez Barcia fixo un chamamento ao consumo “en clave local” para manter o dinamismo do sector.