O Concello de Ribadeo sacou a licitación o proxecto de mellora do céspede do campo de fútbol municipal Pepe Barrera, unha rehabilitación que espera ter lista a finais de ano.
As obras terán un custe de 421.000 euros, que adiantará o Concello tras realizar unha modificación de crédito. Segundo expón o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, a Deputación de Lugo informou de que a aprobación da cantidade comprometida -140.000 euros- irá “este venres” á xunta de goberno “para tramitar o convenio con inmediatez”.
O goberno local, asegura o rexedor, segue á espera dos 46.000 euros que a Xunta de Galicia anunciou que consignará. “Hai dous meses que os pedimos formalmente e aínda non recibimos nova”, lamenta Suárez Barcia.
O alcalde ribadense critica ao Executivo autonómico porque “xa non é que non aportara un terzo do orzamento como lle solicitabamos, senón que nin sequera confirmaron esa pírrica contía que ofreceu”, e argumenta respecto ás achegas das administracións que, “como xa resulta habitual, o apoio foi en desigual medida, inversamente proporcional á demagoxia aplicada nestes casos”.
TRES MESES PARA O CÉSPEDE
Suárez Barcia remarca que se trata dunha obra “moi demandada” que “esixía unha solución, porque este terreo non permitía xogar nin con comodidade nin con seguridade e era moitas veces un desastre polo seu deficiente estado desde hai moitos anos”.
A obra suporá, “a remoción de todo o céspede e todo un paquete de firme que hai por debaixo co novo sistema de construción, de rego, de drenaxe, de nivelación. Todo isto esixe un período de tres meses para o crecemento do novo céspede, xunto coa realización dunha serie de tarefas de mantemento”, precisa.
SD RIBADEO E RIBADEO FC BUSCARÁN ALTERNATIVAS
Así, calcula que o campo de fútbol poderase utilizar a finais de ano, pero non para o comezo da tempada 2019-2020, unha situación da que xa foron informados tanto a SD Ribadeo -entidade de base- como o Ribadeo FC, o equipo de Preferente Autonómica. “Saben que terán que xogar na Devesa ou noutros lugares. Ata que se poida usar o campo novo necesitamos todo ese tempo, pero para facer unha tortilla hai que romper ovos”, expón Suárez Barcia.
A partir deste xoves, na plataforma de contratos do Estado e na plataforma de licitación electrónica do Concello de Ribadeo, as empresas cualificadas e interesadas teñen 20 días hábiles para elaborar e presentar as súas ofertas técnicas e económicas.