A remodelación Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Viveiro custará 3,9 millóns de euros e contará cun prazo de execución de 18 meses.
As estimacións figuran no proxecto técnico dos traballos de ampliación das instalacións, que podería tratar os residuos equivalentes a máis de 23.700 habitantes. Unha proxección feita atendendo ao incremento da poboación no verán e á presenza de industrias conserveiras conectadas ao saneamento.
Trala reforma, a planta saneará os caudais de residuos procedentes de Celeiro, agora fóra da rede, ademais de dar solución aos problemas detectados na actual que conta “cunha capacidade de depuracion real menor da prevista”
MELLORAS TÉCNICAS
O proxecto inclúe tamén un novo sistema de pretratamento de auga e desinfección por cloración, unha terceira balsa, mediante un tanque de formigón armado de 3.890 metros cadrados co correspondente bombeo asociado, e outras melloras técnicas para a purga de fangos no baleirado dos tanques ou para evitar o paso de flotantes.
O documento tamén contempla unha futura conexión co tanque de tormentas de Celeiro e obras de urbanización da parcela na que se ubica a planta, que será acondicionada con asfalto e zonas axardinadas.
FINANCIAMENTO
A ampliación financiarase nun 80% cos fondos que o programa europeo de desenvolvemento rexional FEDER destinou a estas execucións, despois de advertir a España pola contaminación da ría.
O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que este xoves presentou o proxecto a representantes da Confraría de Pescadores de Celeiro, sinalou que “a mellora do sistema de tratamento” permitirá que “as augas vertidas cumpran cos máximos estándares de calidade ambiental, co consecuente beneficio para as condicións do sector pesqueiro”.
PRAZOS
A ampliación da EDAR é unha das obras do plan de saneamento da ría de Viveiro, que precisa tamén da retirada do actual emisario e da construción dun novo.
As actuacións contémplanse nun convenio asinado entre Augas de Galicia e o Concello en setembro de 2016, co 2019 como horizonte para a execución das obras.
Este mércores, o pleno municipal aprobou por unanimidade unha “adenda” a dito convenio, modificando os orzamentos e os prazos para adaptalos ao ritmo de execución previsto agora. O horizonte ampliouse ata 2021.