O Concello de Trabada celebrará a partir do vindeiro xoves xornadas de portas abertas na residencia de maiores, que abriu o pasado 25 de abril.
O goberno local presentará o servizo a veciños e posibles usuarios os días 16, 23 e 30 de maio. Os encontros serán a partir das 11.00 horas e incluirán un acto lúdico e un xantar de confraternización.
Segundo expón o Concello, é preciso anotarse para coñecer as instalacións, “coa finalidade de ofrecer unha boa atención”. Anotan nos servizos sociais municipais, chamando ao número de teléfono 982.13.50.11. Quenes precisen transporte poderán ser recollidos nas súas aldeas.
“A idea é que os principais interesados, que son os nosos maiores, poidan coñecer o servizo, que é moi valorado polos usuarios. Faremos un paseo polas instalacións e despois haberá unha actividade coma as que soen facer os residentes habitualmente. Finalmente, comeremos todos xuntos a comida que preparan as cociñeiras, xa que sempre quixemos que fora así e descartamos que o xantar fose de cátering“, expón a rexedora, a socialista Mayra García Bermúdez.
DEZ USUARIOS E ONCE SOLICITUDES
Polo de agora, dez trabadenses desfrutan do servizo, polo que pagan unha media de 640 euros mensuais. Segundo indica a rexedora, fixéronse outras once solicitudes, algunhas desde outros municipios mariñaos como Alfoz ou Mondoñedo.
CONVENIO PIONEIRO
O xeriátrico conta con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. Catro xericultoras, tres empregadas de limpeza e dúas cociñeiras traballan no centro, ademais de persoal técnico tanto da Deputación de Lugo como do Concello. As prestacións de asistencia básica, manutención e limpeza foron encomendadas a Mensajeros de la Paz, mentres que a xestión ficará en mans das administracións.
A residencia de Trabada é, así, a primeira que abre das impulsadas a través dun convenio pioneiro entre os gobernos locais e a Deputación de Lugo.
As administracións local e provincial comprométense a cofinanciar unha parte das prazas para que os maiores con menos recursos teñan acceso aos servizos. Tamén se garante a prioridade para a veciñanza dos municipios, tendo despois preferencia os habitantes da comarca e, por último, os da provincia.
RIBADEO, CON 47 SOLICITUDES
O xeriátrico de Ribadeo podería ser a segunda en abrir das residencias deste convenio. Segundo informa o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, 47 persoas presentaron a súa solicitude para desfrutar do servizo.
O rexedor asegura que o traballo dos técnicos municipais e da Deputación está a ser “excelente” e prognostica que a residencia, con 50 prazas, abrirá “nas próximas semanas”.