Concello e Deputación renovarán con 134.000 euros o parqué do pavillón de Viveiro

O goberno local prevé que as obras estean listas para o inicio da vindeira campaña deportiva

O pavillón de Viveiro contará cun novo parqué. AXM

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, anunciou o pasado martes que Concello e Deputación financiarán con 134.000 euros a renovación do pavimento de dita instalación municipal. Desta cantidade, o organismo provincial achega 115.000 euros a través do Plan Único 2019, e o Concello 19.000. 

A rexedora viveirense destacou que “con estas actuacións damos resposta a unha necesidade e demanda veciñal, pois o pavillón deportivo, construído hai máis de 20 anos, require desta renovación”.

Os traballos consistirán na retirada do pavimento existente, limpeza e colocación do novo parqué de madeira, así como o repintado da pista deportiva. A alcaldesa apuntou que as obras estarán listas “para o inicio da nova tempada deportiva”.

300 USUARIOS

Loureiro salienta que se trata “dunhas instalacións que empregan 300 deportistas do municipio de todas as idades, que practican fútbol sala, baloncesto, ximnasia rítmica, bádminton ou balonmán. Tras estes traballos, contaremos cun polideportivo de primeiro nivel para albergar competicións federadas”, explicou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here