Outros doce usuarios entrarán a vindeira semana na residencia de maiores de Trabada. Así o anunciou o goberno local, que celebrou este xoves unha xornada de portas abertas no xeriátrico na que participaron 16 veciños do municipio.
O executivo municipal expón que o vindeiro luns convocouse unha comisión de valoración para resolver outras doce solicitudes de acceso ao servizo. Así, aos dez trabadenses que xa moran na residencia uniranse a partir da vindeira semana outros catro veciños de Trabada, dous de Mondoñedo, dous de Lourenzá, un de Viveiro, un de Alfoz e outro de Foz.
Primeiro entrarán os maiores que solicitaron o rexime residencial -que conta con 30 prazas- e a continuación farano as persoas que soliciten o servizo de centro de día, para 20 persoas.
“AUTONOMÍA”
A alcaldesa e Deputada en funcións, Mayra García Bermúdez, subliñou que “as incorporacións vanse facendo pouco a pouco para respectar o período de adaptación das persoas. O que buscamos é non masificar o centro de golpe. Por iso, procuramos que o mesmo día non entre un volume moi elevado de usuarios, senón que vaian accedendo de forma escalonada para que se poidan ir coñecendo e a adaptación sexa o máis sinxela posible”, explicou.
Segundo remarcou García Bermúdez, os usuarios da residencia teñen autonomía para “entrar e saír e comer, sempre baixo unhas normas básicas de convivencia. Durante o primeiro mes establécese un plan de atención individualizada e posteriormente os residentes teñen actividades específicas para cada un deles”, indicou.
SOLICITUDE DA VECIÑANZA
A rexedora resaltou que a xornada de portas abertas “realizouse a petición dos propios veciños, tanto dos posibles usuarios como das súas familias, que queren coñecer as distintas instalacións, como se vive no centro ou que actividades se realizan. E rematou despois da comida, que estivo adaptada á necesidade de cada unha das persoas, como diabéticos ou celíacos”, precisou.
AXUDAS EN FUNCIÓN DA RENTA
O prazo de solicitudes para acceder ao centro de Trabada continúa aberto. Traballadores sociais do Concello e a Deputación, que teñen a xestión do xeriátrico, están a desenvolver o proceso de valoración. Estableceuse, segundo o convenio entre os gobernos provincial e municipal, a prioridade de acceso para a veciñanza de Trabada -despois a da comarca e finalmente a do resto da provincia- e axudas para facilitar o acceso universal ao servizo.