O actor Serxio Pazos pregoará a cuarta edición da Romaxe Viquinga do Vicedo, que se celebrará o 26 e 27 de xullo. O anuncio fíxose duran a presentación do evento na Casa da Cultura, onde se avanzaron algúns aspectos do programa.
O desembarco e a escenificación das batallas na praia de Area Grande, en San Román, elemento central da cita, reforzaranse para atender a crecente expectación que espertan.
Os artistas Henrique Queiman e Andrea Pousa, que volverán coordinar os espectáculos, remarcaron que a representación “será máis destacada” despois da experiencia do ano pasado “con moitísimo público esperando a chegada do barco na area”.
FIGURANTES DA SERIE VIKINGOS
Tamén avanzaron que a localidade recibirá a visita dunha asociación irlandesa que participou na gravación da serie Vikingos e que coñeceron a cita a pasada edición.
Como novidades, destacaron que se “reforzará a sonorización” das actividades que se realizan durante o día e que se programarán “espectacúlos moi visuais”. Así, presentarán a produción “Terras de Queimada” na que escenifican a elaboración da mestura alcólica como un rito ancestral.
Os organizadores fixeron un chamamento “a implicación e participación dos veciños do pobo”, que se visten de época para completar a recreación histórica.
A Romaxe Viquinga evoca un asentamento viquingo. O evento comezou a organizarse tras unhas excavacións arqueolóxicas nas que se localizaron indicios do paso polo litoral de poboadores do norte de Europa nas súas expedicións marítimas cara o sur da Península.
“MÁIS POSTOS DE COMIDA”
Na presentación, o alcalde vicedense, Jesús Novo, explicou que o programa está pensado para “chegar á maior xente posible” e que os visitantes “permanezan máis tempo”. O rexedor avanzou que se instalarán máis postos de comida para que os romeiros non “marchen ao mediodía”.
O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a cita está axudando a que o municipio “despunte como destino turístico nos últimos anos”.
PRESENTACIÓN NO COLEXIO
Previamente, entregáronse os premios ás gañadoras do Concurso de Debuxo Infantil Romaxe Viquinga do CEIP do Vicedo, Daniela Vale Martínez e Ana González Fra. As alumnas recibiron un lote de libros, ademais de material escolar que tamén recibiu o resto dos nenos e nenas do centro.
Ademais, presenciaron unha performance coa proxección dun vídeo sobre o evento e unha actuación de Queiman e Pousa.