A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) presentou este venres no Cenima de Foz a campaña de concienciación que desenvolverá durante o mes de xuño en prensa, cinema, radio, televisión e internet, e que convidará á veciñanza da comarca a “desvirtualizarse” e comprar nos negocios locais.
‘Compra na Mariña, desvirtualízate‘ presentarase en varios formatos: con chapas e pins, que lucirán os empregados dos establecementos asociados; con servilletas, que estarán presentes nos locais hostaleiros; con valados publicitarios e con anuncios en radio, en prensa, no cine, na televisión e nas redes sociais, para tentar chegar ao maior número de persoas posible.
TOCAR, ULIR, PROBAR
O principal destinatario da campaña, segundo explican desde a FCAM, “é a xente nova, que é a que máis compra a través de rede”. Os cinco sentidos son protagonistas das mensaxes positivas que estarán presentes en toda a comarca, resaltando que os comercios locais permiten “entrar, mirar, tocar, ulir, probar…”, indican.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou que respaldar o comercio de proximidade “tamén é apostar pola sostibilidade”, en referencia aos “traballadores locais, a atención personalizada, os produtos da zona e a redución de embalaxes e de transportes”.
“PRIORIDADE ÁS PERSOAS”
Sobre a importancia do comercio local falou tamén o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Burela, Alfredo Llano: “a xente sabe dos negocios locais saben quen es, os gustos que tes, o que pode ofrecerche, e vaicho dar perfectamente, vai quedar contigo e ter a responsabilidade inmediata de atenderte. Sabe moi ben como debe cumprir e nosoutros tamén queremos que sexades conscientes de cumprir con eles”, rematou.
Pola súa banda, o alcalde en funcións de Foz, Javier Castiñeira, manifestou que “humanizar é a primeira ferramenta que podemos ter contra a globalización, ou sexa, darlle prioridade ás persoas. Hai que poñer eses valores por diante, seguir humanizando o noso comercio”, concluíu.
PRETO DOS MIL SOCIOS
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, lembrou que a agrupación “leva sete anos cun obxectivo común e claro, que é facer pobo e facer Mariña, é do que se trata. Tratamos de estar todos xuntos e este ano pasiño a pasiño un dos obxectivos é chegar aos mil socios, desde Ribadeo ao Vicedo, e con Lourenzá agora mesmo”, subliñou.
Ao acto celebrado este venres asistiron representantes das Acias que forman parte da FCAM, así coma o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Turismo de Viveiro, Marisol Rey.