Nove locais de hostalería do porto focego organizan, coa colaboración do Centro Comercial Aberto (CCA) e do Concello, a primeira Festa Mariñeira de Foz, que se celebrará do 14 ao 16 de xuño.
O evento foi presentado este mediodía con asistencia de varios empresarios, do alcalde en funcións, o popular Javier Castiñeira, e do presidente do CCA/Acia Foz, José Carlos Paleo.
Os nove bares do porto focense que se dan cita nesta primeira Festa Mariñeira son: O Muelle, A Funcional, O Lar, Rente ao Mar, A Rambla, A Viela, Fontao, A Rula e A Ribeira. Estes locais ofrecerán tapas elaboradas con produtos do mar durante as tres xornadas.
PROGRAMA
O venres comezarán os festexos co pregón, a cargo de Ton Otero, e música polos bares. O sábado os nenos desfrutarán de inchables e talleres mariñeiros e de maxia. Esa mesma xornada varios locais terán sesión vermú, con ambientación musical en directo. E a partires das sete haberá tres concertos, que serán ás sete, ás nove e ás once da noite.
Xa o domingo cinco grupos serán os protagonistas dos Cantos de Taberna, que percorrerán os locais participantes neste evento. Actuarán dúas formacións de Foz e outras chegadas de Viveiro, San Cibrao e Cambre.
Durante os tres días desenvolverase un mercado na praza Conde de Fontao.
ANIMAN A VESTIRSE
Caxé, de Rente ao Mar, e os seus compañeiros hostaleiros animan á veciñanza “a disfrazarse de mariñeiros e redeiras, de pescantinas, de profesións relacionadas co mundo do mar”.