EFE. Dous xinecólogos do Hospital Público da Mariña serán xulgados o vindeiro xoves no Xulgado do penal número 1 de Lugo por un suposto delito de lesións por imprudencia grave, por esquecer unha gasa cirúrxica no interior do abdome dunha paciente que foi sometida a unha intervención no ano 2014.
A Fiscalía pide para cada un dos acusados unha pena de seis meses de prisión e 18 de inhabilitación para o exercicio da súa profesión, ademais dunha indemnización de 36.303 euros para a paciente.
“NON SE FIXO RECONTO” DAS GASAS
De acordo co escrito da acusación, a paciente foi sometida a “unha operación cirúrxica programada”, que tivo lugar o 11 de febreiro de 2014 no Hospital da Costa, e que se desenvolveu “con aparente normalidade”.
Con todo, precisa o ministerio fiscal, no transcurso da operación quedou abandoada “no interior da cavidade abdominal” da doente “unha gasa cirúrxica”, a causa dunha “omisión” por parte dos cirurxáns á fronte da intervención.
Entre outros motivos, a Fiscalía subliña que “non se fixo reconto das gasas”, porque doutro xeito os acusados “detectarían a falta dunha delas de forma inmediata”.
NOVA INTERVENCIÓN
A paciente padeceu lesións que a obrigaron a someterse a un “novo tratamento médico cirúrxico” e a outra intervención para retirarlle o apósito do interior da cavidade abdominal, que se levou a cabo en novembro do 2015.