EFE. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia decretou que desde o vindeiro xoves quedará activa a alerta laranxa por temporal costeiro e a amarela por vento na Mariña Lucense, por mor da cicloxénese explosiva ‘Miguel‘.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o episodio adverso costeiro de nivel laranxa comezará sobre as dez da mañá no oeste e suroeste da Coruña e na costa da provincia de Pontevedra.
Xa en torno ao mediodía, sinala a nota, extenderase tamén ao noroeste da Coruña e a primeira hora da tarde chegará ao litoral lucense. Agárdanse ventos de forza 8 ou 9 e mar combinada con ondas de entre catro e sete metros.
Ademais, agárdanse refachos de vento do suroeste en toda a comarca, tamén no interior mariñao, superiores aos 80 quilómetros por hora.
A costa do Occidente asturiano tamén permanecerá en alerta laranxa por temporal costeiro e en aviso amarelo por ventos. Os efectos da borrasca comezarán a notarse, ao igual que na Mariña Lucense, a partir de primeira hora da tarde, e continuarán ata a madrugada.
CONSELLOS
A Xunta recomenda evitar as actividades no exterior, así como aproximarse a diques ou rompentes co obxecto de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou cousas. Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras.