EFE. O ministerio fiscal e a acusación particular chegaron a un acordo coa defensa dos dous cirurxáns do Hospital Público da Mariña, en Burela, que ían ser xulgados este xoves no Penal número 1 de Lugo por un suposto delito de lesións por imprudencia grave ao esquecer unha gasa cirúrxica no interior do abdome dunha paciente en 2014.
A Fiscalía pedía para cada un dos acusados unha pena de seis meses de prisión e 18 de inhabilitación para o exercicio da súa profesión, ademais dunha indemnización de 36.303 euros para a paciente.
INCREMÉNTASE A INDEMNIZACIÓN
As acusacións -pública e particular- retiraron a petición das penas de cárcere e inhabilitación, a cambio dun incremento da indemnización a favor da vítima, que cobrará finalmente 50.000 euros.
O avogado da paciente, Alberto Fernández, precisou que os médicos admitiron os feitos. “Si houbo unha intervención e esqueceuse unha gasa dentro da paciente, evidentemente a señora non a puxo”, razoou ante os medios.
A indemnización será aboada “polas compañías aseguradoras, subsidiariamente polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) e, se non hai máis remedio, polos propios cirurxáns”, aclarou o letrado.
A defensa de ambos acusados declinou facer declaracións aos medios de comunicación.
ESCRITOS DAS ACUSACIÓNS
Segundo o escrito de acusación, a paciente foi sometida a “unha operación quirúrgica programada, que tivo lugar o 11 de febreiro de 2014” no daquela denominado como o “Hospital da Costa, e que se desenvolveu con aparente normalidade”.
O ministerio fiscal precisa que no transcurso da operación quedou abandonada “no interior da cavidade abdominal” da paciente unha “gasa cirúrxica”, por mor dunha “omisión” por parte dos cirurxáns á fronte da intervención.
A acusación pública argumenta que non se fixo “reconto de gasas porque, de realizarse, detectaríase a falta dunha delas de forma inmediata”
A paciente sufriu lesións que a obrigaron a someterse a un “novo tratamento médico cirúrxico” e a outra intervención para retirarlle o apósito do interior da cavidade abdominal, que se levou a cabo en novembro de 2015.