A Deputación de Lugo e mailo Concello de Trabada inauguraron este xoves de xeito oficial a primeira das residencias para persoas maiores que comezou a funcionar da rede de centros que construíu a institución provincial en diversos municipios da provincia, a través dun convenio pioneiro para cofinanciar as prazas dos xeriátricos a fin de garantir o acceso universal e a prioridade da veciñanza e manter a titularidade pública dos mesmos.
A inauguración estivo presidida pola alcaldesa en funcións e electa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, acompañada polo deputado e rexedor de Pol Lino Ónega, ademais de diversas autoridades locais, así como polos usuarios e veciños do municipio interesados en coñecer de cerca as instalacións e servizos do centro.
USUARIOS SEN RECURSOS, A CUSTO CERO
Un total de doce usuarios benefícianse do xeriátrico -con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día- neste momento, mentres que outros sete incorporaranse ao longo da próxima semana.
O perfil do usuario, explica a Deputación, “é unha muller de 81 anos, veciña de Trabada, que destina 700 euros mensuais á súa praza na residencia”.
O promedio agocha casos individuais que respaldan a necesidade do servizo, pois mentres hai beneficiarios que pagan ata 1.200 euros, unha das residentes accedeu á residencia a custo cero, xa que non cobra ningún tipo de prestación.
Dos 19 primeiros usuarios, doce son veciños de Trabada, dous de Viveiro, dous de Lourenzá, outros tantos de Cervo e un de Foz, que teñen entre 70 e 98 anos de idade.
“UN DOS PROXECTOS MÁIS IMPORTANTES” DA PROVINCIA
O Concello de Trabada e a Deputación de Lugo asinaron no seu momento un convenio que garante a xestión pública do centro, así como que a veciñanza deste municipio teña prioridade de acceso ás instalacións da residencia.
A rexedora afirmou que “hoxe (polo xoves) é un día de celebración e ledicia, así como para os da Mariña Lucense, pois despois de varios anos, por fin, culmina un dos proxectos máis importantes para o futuro da provincia”.
García Bermúdez sinalou que con este modelo “contribuímos a fixar poboación e a reactivar a economía local e comarcal. Os servizos sociais son un dereito, e este centro é un dereito cumprido da nosa veciñanza”, concluíu.

PRAZO ABERTO
O prazo de solicitudes para acceder ao centro de Trabada continúa aberto. Traballadores sociais do Concello e Deputación, que avalían as necesidades e situación de cada maior para establecer o prezo en función da súa capacidade económica, pois fixouse que sempre conten cun 25% dos seus ingresos libres para o seu día a día.
Os interesados poden solicitar información e formalizar as súas solicitudes no consistorio.