As traballadoras do xeriátrico de Domusvi en Viveiro retomarán as protestas iniciadas no pasado mes de abril ante un calendario laboral que consideran abusivo, dado que permite situacións como unha quenda de quince días de traballo cunha soa xornada de descanso entre medias.
As empregadas de Domusvi convocaron protestas para esta semana e a vindeira, as últimas do mes de xuño. Serán os días 21, venres, e 27, xoves, ambas de 14.15 a 15.30 horas.
As obreiras aseguran que “seguimos sen cambio algún na actitude da empresa nin disposición a negociar algo distinto ao imposto”. Segundo afirman as empregadas, Domusvi “incluso denega as solicitudes de días de libre disposición”.
NON DESCARTAN “OUTRAS ACCIÓNS REIVINDICATIVAS”
Así, denuncian as traballadoras, “a dirección desde centro non entende a organización do traballo doutro xeito que non sexa con despotismo e tiranía”, polo que “non nos deixa alternativas” máis que “a de buscar amparo nos xulgados”. Ademais, sinalan que non desbotan “outras accións reivindicativas”.