Cáritas Diocesanas de Mondoñedo-Ferrol atendeu a 4.755 persoas -delas, un 25% inmigrantes– en situación de exclusión ao longo do seu ámbito no ano 2018, 850 menos que no ano anterior.
A atención foi prestada a través de varios programas, nos que participaron 314 voluntarios e 58 Cáritas parroquiais e os seus 13 traballadores. Isto requeriu dun orzamento de 806.663 euros, dos que un total de 580.000 foron para atención directa e acompañamento das persoas.
Estes números foron expostos na mañá deste mércores por Marta Pazo, coordinadora xeral de Cáritas Diocesanas de Mondoñedo-Ferrol e José María Pérez Martínez, vogal de comunicación, na sede que esta ONG vinculada coa Igrexa ten na rúa Magdalena de Ferrol.
A INFANCIA E OS MAIORES, OS MÁIS VULNERABLES
De todos os xeitos, constouse que no territorio onde actúa Cáritas de Mondoñedo-Ferrol, correspondente ao norte das provincias da Coruña e Lugo, “produciuse un lixeiro descenso, de 850 persoas, en canto ás persoas atendidas con respecto a 2017, centrado na franxa de idade de entre os 18 e 65 anos, apreciándose unha cronicidade dos dous sectores máis vulnerables, como son a infancia e as persoas maiores“.
PROGRAMAS
Cáritas Diocésanas de Mondoñedo-Ferrol canta con varios programas a través dos que durante o 2018 atendeu a “350 persoas sen fogar, 114 familias en situación de vulnerabilidade, outras 157 en procesos de formación e inserción laboral, dos que 49 conseguiron emprego“.
Para iso disponse do Centro de Día e Inclusión Gabriel Vázquez Seijas, con servizo de cafetaría, acceso a Internet, talleres inclusivos e que acaba de estrear, neste mes de xuño, o servizo de lavandaría, ducha e barbaría.
Tamén dispón de catro pisos de tránsito á vida autónoma, outras catro vivendas de emerxencia, así como clases de reforzo para escolares, talleres de promoción de muller xitana e talleres de alfabetización e habilidades sociais para adultos.
MÁIS TRABALLADORES POBRES
No tocante ao perfil dos beneficiarios de Cáritas nas provincias da Coruña e Lugo, segundo Pazo, “percíbese un aumento das familias en integración precaria, que son aquelas que a pesar de ter traballo, están ao límite de integración e lonxe dunha integración plena”, ademais de que “a vivenda se percibe como un factor de exclusión que vai en aumento e que provoca a acumulación de familias diferentes nun mesmo piso”, ademais da que “a pobreza está moi dispersa afectando tanto o mundo rural como urbano”.
ENVELLECEMENTO
Tamén salientou como un problema grave “a porcentaxe elevadísima de envellecemento, problema especialmente acentuado no mundo rural, acentuado na dispersión”.