Viveiro contará “en poucas semanas” co primeiro parque de aventura ao aire libre da provincia de Lugo. O novo espazo de lecer, emprazado na contorna da área recreativa de San Roque, prepara a apertura ao público en xeral despois de recibir nos últimos días grupos con reserva previa.
O proxecto naceu froito da colaboración da empresa Roq Sport e da comunidade de montes, que impulsaron a iniciativa para poñer en valor este espazo natural.Os visitantes poderán participar en circuítos entre as árbores con pasarelas e tirolinas, dúas delas cunha altura de entre 95 e 115 metros. As actividades contarán con distintos niveis de dificultade poloque a oferta será apta para persoas de todas as idades.
“APOSTA POLO TURISMO ACTIVO”
O recinto recibiu este mércores a visita do delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, que puxo a iniciativa como exemplo dunha “aposta polo turismo activo como valor engadido para a oferta da comarca da Mariña“.
O representante do goberno galego apuntou que o parque contou cunha achega de 65.000 euros do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).