A CIG-Saúde denunciou este venres que o Hospital Público da Mariña contará con 30 camas menos durante o verán, unhas cifras derivadas do peche de nove prazas na unidade de hospitalización de cirurxía e outras nove en traumatoloxía, “ao que temos que sumar outras doce pechadas por obras”.
O sindicato amósase “indignado” pola redución da capacidade do centro hospitalario mariñao durante o período estival e pola “tentativa da Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Lugo-Cervo-Monforte de normalizar esta situación con xustificacións como o descenso na actividade asistencial, as vacacións do persoal facultativo e a non cobertura das mesmas, ou as obras”.
MENOR ACTIVIDADE CIRÚRXICA
A central nacionalista tamén critica a redución da actividade cirúrxica. “Soamente haberá dous quirófanos programados e un urxente ao día”, afirman. Fóra de verán, funcionan tres para actividade programada e outro para emerxencias.
INCREMENTO DAS LISTAS DE ESPERA
Sobre as consecuencias dos recortes en verán, a CIG-Saúde salienta que provocarán “un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías”.
“A lei di que as e os doentes teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas ou probas diagnósticas. A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada”, subliña o sindicato.
MÁIS TRASLADOS A LUGO
“Outra das consecuencias será o aumento do traslado e ingreso de pacientes do Hospital de Burela a Lugo, unha práctica que levan facendo durante os últimos meses e que esta a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da Xerencia nun Hospital que remata de ser ampliado”, expón, para engadir que “o obxectivo político” da dirección “é afondar no desmantelamento da sanidade pública para beneficiar á privada”.
Así, o sindicato argumenta que “mentres pechan camas nos hospitais públicos mantense e mesmo se incrementa, durante ese período, a actividade na privada, dende a actividade cirúrxica até a realización de probas diagnósticas”.
SUPRESIÓN DE PERSOAL
No eido laboral, a CIG-Saúde denuncia que por mor do peche de camas producirase un “recorte de persoal” nas mencionadas unidades de hospitalización, “suprimindo unha enfermeira e unha TCAE (Técnico de Coidados Auxiliares de Enfermería) nas quendas de mañá, tarde e de noite (na que unha soa enfermeira e unha soa TCAE serán as responsables de prestar os coidados a 15 pacientes, e asumir as posibles urxencias e complicacións a maiores do traballo programado)”, explica a central.
Esta situación “aumenta o desemprego xa que non se substitúen as titulares que collen vacacións e afonda aínda máis na precariedade laboral do persoal sanitario”, lamenta.
“TAMÉN ENFERMAMOS NO VERÁN”
A CIG-Saúde sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, se duplican nesa época e os pobos de interior tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra”. Argumenta, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”.
O SERGAS AFIRMA QUE “A PLANIFICACIÓN É A MESMA”
Fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) afirman que “o Hospital da Mariña é un dos poucos hospitais” de Galicia que “non pecha ningunha cama durante o verán“, nin nas dúas áreas mencionadas “nin en ningunha outra”.
As mesmas fontes admiten que o centro hospitalario mariñao ten doce camas menos polas obras “malia que está funcionando todo na zona nova”, e tamén confirman que estarán en funcionamento dous quirófanos para actividade programada e un para urxencias, “igual que nos pasados veráns”, dado que o Hospital da Costa, aseguran, “ten a mesma planificación asistencial para verán que nos anos anteriores”.